Reflexións galegas e en galego

14/02/12

Alivio

No meu blogue nunca ataquei ao BNG nin a ningún dirixente da fronte nacionalista, para iso, xa estaban outros medios, ben máis poderosos que a miña modesta publicación. Seguramente se falara mal do BNG, tería bastantes máis visitas e máis éxito na rede, pero non merece a pena botar merda sobre a mellor ferramenta política que ten o noso país, e esa non é outra que o BNG, que, como todo colectivo humano, ten defectos e virtudes.

Coa escisión dos Irmandiños, xa son libre de opinar sobre determinadas persoas, que na miña modesta opinión, foron moi desleais coa organización na que militaban. Se seren leais á organización, seguramente na XIII Asemblea do BNG, celebrada hai uns días, iríalles bastante mellor, pero optaron pola confrontación pública nos medios de comunicación, que aproveitaban calquera xesto de Beiras e compañía para descualificar o BNG.

Como dixen, a militancia do BNG falou alto e claro de cal era a liña política que quería seguir, e fíxoo con contundencia, cun 67% de votos favorábeis, e case 1.000 votos de diferencia sobre os que votaron en contra, que tiñan alternativas máis ou menos elaboradas.

Neste sentido, quixera referirme as teses defendidas polo Encontro Irmandiño, unhas teses esquemáticas, valeiras de contido, sen profundidade, e en algún caso irrespectuosas coa militancia do BNG. Estas carencias na liña política suplíronas de sobra con aparicións mediáticas de mediáticos persoeiros como Beiras ou Martiño Noriega, que aparte dunha linguaxe ampulosa, de cando en vez, deixaban translucir a súa perspectiva sobre diversas cuestións como a Unión Europea.

Sobre esta cuestión, dicía o catedrático de estrutura económica, Xosé Manuel Beiras, que “falar da Unión Europea e dos monopolios é máis vello que carracuca. Non significa nada”. Home! Que fai esta afirmación debería saber que, por desgraza, a Unión Europea é que dirixe a política económica do estado español; tanto é así, que a partires de agora, os orzamentos do Estado, aínda que se aproben no Congresos, estes terán que pasar a criba da Comisión Europea para seren finalmente aplicados. Todo moi democrático como se pode comprobar. Pero, por se houbera algunha dúbida sobre o papel da Unión Europea nas nosas vidas, non temos máis que encender a televisión e poñer o primeiro informativo que para ver que o ente europeo ten unha importancia capital, seguramente demasiada no noso porvir como pobo, iso sen esquecer as prohibicións para construír barcos, producir leite, pescar, etc, etc.

O Irmandiños tomaron unha decisión respectábel, aínda que non a comparta. Pero agora terán que deixar de lado a retórica valeira e poñer negro sobre branco as súas propostas para Galiza, e cando chegue o momento o pobo decidirá, como xa decidiron os militantes do BNG na XIII Asemblea.

Finalmente, aínda que eu seguirei defendendo que a unidade do BNG é moi importante, cando a convivencia non é posíbel, a única vía que queda é a separación, a escisión. Mais esta terá que facerse respectando á organización de orixe, e neste sentido, é moralmente inaceptábel que, do mesmo xeito que se abandona o BNG, non se abandone tamén as actas e os cargos institucións que foron electos nunha candidatura do BNG.

13/02/12

A revolución helena

Hai gobernos tecnócratas e agora temos tamén parlamentos tecnócratas. Onte a maioría -non todos- dos deputados e deputadas que deberían representar a vontade do pobo heleno traizoaron por enésima vez esa vontade ao votar unhas reformas económicas que empobrecerá aínda máis o pobo grego.

E cando todo falla, cando os representantes desa vontade traizoan reiteradamente aos cidadáns, a estes non lles queda outra que defenderse con paus e pedras como vimos onte en Grecia, pero tamén con manifestacións de folgas xerais pacíficas.

Resulta curioso como neste caso os medios de comunicación non poñen a énfase que poñían nin procuran o despregue mediático cando as mobilizacións dos Indignados, seguramente por que esta si é unha verdadeira revolución para remover o statu quo, de loita contra as imposicións da Unión Europea e FMI, e non vaia ser que sexa contaxioso o efecto. Neste sentido, resulta cando menos significativo que onte á noite, o informativo da TVE destacou como noticia de portada a morte da cantante Whitney Houston, e non foi até ven mediado o informativo que se deu conta do que estaba a ocorrer en Grecia.

Outra cousa curiosa que non se destaca da revolución grega é o uso, que sen dúbida si fai, do uso das redes sociais. Semella que o usos destas ferramentas só se poden usar para revolucións primaverais, e non para asaltos aos cuarteis de inverno.

08/02/12

Máis alá da crise


Un artigo de Josep Fontana
Do que quixese falarlles non é tanto da crise actual como do que está a ocorrer máis aló da crise: de algo que se nos oculta tras a súa aparencia. Para explicalo necesitarei empezar un tanto atrás no tempo.

Educámonos cunha visión da historia que facía do progreso a base dunha explicación global da evolución humana. Primeiro no terreo da produción de bens e riquezas: a humanidade avanzara até a abundancia dos tempos modernos a través das etapas da revolución neolítica e a revolución industrial. Despois viñera a loita polas liberdades e polos dereitos sociais, desde a Revolución francesa até a vitoria sobre o fascismo na Segunda guerra mundial, que permitiu o asentamento do estado de benestar. Non me estou referindo a unha visión sectaria da esquerda, nin menos aínda marxista, senón a algo tan respectable como o que os anglosaxóns chaman a visión whig da historia, segundo a cal, cito pola wikipedia, “represéntase o pasado como unha progresión inevitable cara a cada vez máis liberdade e máis ilustración”.

Até certo punto isto era verdade, pero non era, como se nos dicía, o froito dunha regra interna da evolución humana que implicaba que o avance do progreso fose inevitable –a ilusión de que tiñamos a historia do noso lado, o que nos consolaba de cada fracaso-, senón a consecuencia duns equilibrios de forzas en que as vitorias alcanzadas eran menos o froito de revolucións triunfantes, que o resultado de pactos e concesións obtidos das clases dominantes, con frecuencia a través dos sindicatos, a cambio de evitar unha auténtica revolución que transformase por completo as cousas.

Para dicilo simplemente, desde a Revolución francesa até os anos setenta do século pasado as clases dominantes da nosa sociedade viviron atemorizadas por pantasmas que perturbaban o seu sono, levándolles a temer que podían perdelo todo a mans dun inimigo revolucionario: primeiro foron os xacobinos, despois os carbonarios, os masóns, máis adiante os anarquistas e finalmente os comunistas. Eran en realidade ameazas fantasmais, que non tiñan posibilidade algunha de converterse en realidade; pero iso non impide que o medo que espertaban fose auténtico.

07/02/12

Siria e confusión


Un imperio protexe os seus intereses en todas partes onde estes estean en xogo. Isto por un lado. E por outra banda, tenta impedir a aparición de calquera outro imperio que lle faga sombra, e que poña en xogo a súa permanencia como potencia dominante.

Durante os últimos 50 anos ese foi o lei motiv da política exterior e da política bélica dos Estados Unidos, sós ou acompañados por serviciais lacaios. Non hai curruncho do planeta onde estiveran en xogo os intereses do imperio onde eles non estiveran presentes e todo tipo de conflitos e “revolucións de cores” ou primaveras diversas. Corea, Vietnam, Chile, Nicaragua, África, Oriente e mesmo a Unión Europea, cuxo nacemento foi patrocinado precisamente polos Estados Unidos, son algúns exemplos de zonas do planeta onde o Imperio actuou a cara descuberta ou mediante infiltracións coidadosamente medidas para aparentar o que non é, isto é, inxerencia nos asuntos internos dun país.

E a axenda contemporánea do Imperio que debullara nos medios de comunicación o xeneral Wesley Clark estase a cumprir ao pé da letra. Onte foi Irak e Libia, mañá, Siria e Irán as próximas fichas do dominó que caerán proximamente nas gadoupas do Imperio. O obxectivo é claro, controlar definitivamente unha rexión rica en petróleo, e na que os Estados Unidos se xogan o seu futuro, a súa estabilidade interna, o seu “modelo de vida” e, sobre todo, o rexurdimento dunha nova potencia económica e militar que lle faga sombra; estoume a referir a China, obviamente.

Neste sentido, cómpre estar moi atentos ao que ocorre en Siria e aos intereses que uns e outros teñen postos neste pequeno país, que malia non ter petróleo é vital para rusos, chineses e para os intereses de occidente.

E neste escenario de intereses cruzados e de confusión nada é o que parece, porque o que puido nacer como as ansias de liberdade dun pobo, ten toda a pinta de ser a posta en escena dunha política de inxerencia, de guerra encuberta, para inclinar a balanza cara os intereses do Imperio, e, como ocorreu como na caso libio, co apoio entusiasta de esquerda occidental.

24/01/12

Que vén o lobo!

Vista en Facebook.

23/01/12

O engano

Desde Europa ao goberno central, pasando pola Xunta, todos din que hai que facer recortes porque as administracións públicas gastan moito e están moi endebedadas.

Sen embargo, a realidade é teimuda e reflicte xusto o contrario. O Estado Español ten un endebedamento do 394% do PIB (preto de 4 billóns de euros), dos cales o 73% corresponde ás administracións públicas, e o resto, un 321% corresponde ás entidades financeiras, empresas e familias.

Os datos son os datos e non se lle pode dar a volta, pero si enmascarar vilmente para reflectir unha realidade ficticia, a saber con que intencións, pero cando se engana está claro que estas non son boas.