Reflexións galegas e en galego

29/08/11

Prioridade absoluta

Los créditos para satisfacer los intereses y el capital de la deuda pública de las Administraciones se entenderán siempre incluidos en el estado de gastos de sus presupuestos y su pago gozará de prioridad absoluta. Estos créditos no podrán ser objeto de enmienda o modificación, mientras se ajusten a las condiciones de la Ley de emisión.
O novo artigo 135 da Constitución que propoñen PSOE e PP

Para o PSOE e para o PP, que raudos e veloces pactaron a Reforma da Constitución para fixar o teito de endebedamento de todas as administracións públicas do Estado, consideran, con esta reforma, que a educación, a sanidade, a creación de emprego, a cultura, os servizos básicos que presta un concello ou unha comunidade autónoma (recollida de lixo, abastecemento de auga, saneamento, ...), NON son prioritarios para eles; o prioritario para PSOE e PP é pagar o capital e os intereses da débeda pública. Para eles, o prioritario e seguir mantendo en funcionamento o casino do sector financeiro.

Esta reforma supón a liquidación do estado de benestar, e terá uns culpábeis que son PSOE e PP. Se non queres ser cómplice, mobilízate!

27/08/11

E Deus tamén fai un ERE no ceo...

Un pouco de humor non ven mal.

Toma de Trípoli, unha falsificación mediática?




Ver para creer. Segundo Rusian Today, sucursal de Caracas, os rebeldes libios manipularon imaxes da toma de Trípoli para conseguir adhesións de países que até o momento eran críticos coa invasión imperialista.

25/08/11

Libia, unha guerra sen mortos nin destrución

É curioso, pero despois de varios meses de guerra da OTAN en Libia, que bombardea ese país sen piedade para conseguir botar do poder a Gadafi, a este lado do Estreito semella unha guerra na que non hai mortos, nin feridos, nin sequera a conseguinte destrución que acompaña aos bombardeos que leva aparellado esta guerra en particular, na que o Estado Español ten unha participación activa.

Se fora certo, sería a primeira guerra incruenta da historia, pero fáiseme imposíbel que nunha cidade -deixando ao resto a un lado-, que ten case 1.700.000 habitantes non haxa un auténtico baño de sangue logo dos bombardeos da OTAN e os ataques dos rebeldes.

Así as cousas, só se me ocorre unha cousa: censura. Estase ocultado a masacre ao mundo occidental, especialmente no Estado Español, para, seguramente, presentárnola posteriormente como un desfeita de Gadafi, xustificando así esta guerra imperialista.

Por certo, nun intre de crise e de importantes recortes sociais, a guerra de Liba até o mes de maio tivo un custe de 43 millóns de euros, e logo da prórroga indefinida das tropas aprobada nese mes, o custe será de 14,4 millóns de euros. En resumo, se incluímos o mes de agosto, ao que lle restan poucos días, o Estado Español gastará 86,2 millóns de euros. Hai uns días houbo manifestacións e algún que outro altercado coa policía porque o Estado gastou 25 millóns de euros na visita do Papa, sen embargo do dispendio e dos mortos da guerra de Libia ninguén se acordou, non vaia ser que o Imperio se moleste.

24/08/11

Pobos do mundo, extinguídevos!

As dúas caras da mesma moeda, PSOE e PP, escenificaron onte, publicamente, o seu perfecto entendemento e o seu axeonllamento perante os ditados do mercado. Dá igual que pasaran xa máis de 30 anos, e que a Constitución Española teña máis furados que o pantalón dun pobre, eles, PSOE-PP reformarán a constitución só para marcar o teito de gasto do Estado, unha reforma que non contará co lóxico referendo aparellado a toda modificación constitucional. Se isto mesmo o fixera Chávez en Venezuela correrían ríos de tintas nos xornais e os tertulianos ficarían afónicos polo ataques ao goberno bolivariano.

De consumarse esta proposta, que se consumará -faltaría máis-, os principais prexudicados seremos os cidadáns que veremos como se reducirán aínda máis os servizos sociais. Por que, en períodos de crise, endebedarse é o que ten que facer calquera goberno que queira crear emprego, e non para inxectar diñeiro no sistema financeiro totalmente quebrado. Porque ese é o verdadeiro problema que temos, a desorbítante débeda privada, que é a que está a tragar todos os nosos impostos, e semella non ter fin.

Mais o problema tamén é a distribución da riqueza, cada vez en moi poucas mans, e que cada vez pagan menos impostos. O problema é que o Estado Español, e tal e como indica a Constitución Española, non dirixe a súa política monetaria, e polo tanto non pode devaluar moeda se fixera falta, que o fai, para que as clases populares non viran reducir os principais servizos sociais e os seus dereitos laborais.

Tal e como di a Constitución Española a soberanía reside no pobo. Outra falacia! A soberanía, e deixárono claro PSOE e PP onte no Congreso, reside na entelequia dos “mercados”, cuxo brazo executor é Merkel, acompañada do pequeno Sarkozy; e os demais a obedecer.

A estas alturas da película España ou Estado Español, como queirades chamalo, xa non é un estado soberano, non vos enganedes, é un länder máis de alemaña, é o “Spanisch Land”; e iso non me preocupa especialmente, o que me quita o sono é saber o que somos nós os galegos, que é Galiza.

Non sei se “os mercados” ou se Merkel e Sarkozy escoitarían algunha vez a Siniestro Total, pero a súa canción “Pueblos del mundo, extinguíos!” resulta certamente premonitoria ao tempo sobrecolledora, non si?



16/08/11

A revolución industrial segundo a Bola de Cristal

Pasaron case 30 anos deste histórico programa da televisión pública española, pero as súas mensaxes seguen máis vixentes ca nunca. Sendo como era un programa para nenos e nenas os seus contidos eran (son) para todos os públicos, e, sen dúbida, do milloriño que saíu da televisión pública española.

Neste pequeno anaco os “Electroduendes” contan con sinxeleza, pero con precisión, a revolución industrial e as súas consecuencias. Atent@s ás referencias á esquerda e, sobre todo, ao PSOE, que gobernaba o Estado naquel intre. O dito, pasaron case 30 anos, e a historia volve a repetirse.

O programa “La Bola de Cristal” apenas durou catro anos (1984-1988), o tempo que lle durou a paciencia ao goberno do PSOE.

14/08/11

A destrución de Hiroshima en 360º


Hiroshima after the Atomic Bomb (3 of 5) by Harbert F Austin Jr in Japan

09/08/11

O inevitábel colapso do Dólar

O burato negro das finanzas internacionais

Nestes últimos días estamos a ver un recrudecemento da crise da débeda dos estados, e esta é da tal virulencia que, segundo os medios de comunicación, o Banco Central Europeo tivo que saír a comprar débeda do Estado Español e Italia polo acoso que estaban sufrindo nestes últimos días.

Pero non vos deixedes enganar polos medios de desinformación masiva, o BCE non compra directamente a débeda aos estados, xa que que, como dixo Trichet “non é o que debemos facer nin o que podemos”. É dicir, o sector financeiro compra débeda de España e Italia e véndella ao BCE. Conclusión: é o sector financeiro internacional o que ten problemas e moi serios, un verdadeiro burato negro que traga todo o que lle metan e máis.

Até onde chegaremos? Non sei, pero a cousa non pinta nada ben. Se en 2008 as grandes corporacións financeiras xa eran demasiado grandes para caer, en 2011, logo das fusións que se produciron hai tres anos, as corporacións financeiras son xa xigantescos conglomerados empresariais, que, de caer, provocarían un verdadeiro cataclismo. Un exemplo: Blackrock é a maior xestora de investimentos do mundo, que manexa unha suma de diñeiro equivalente a dúas veces o PIB do Estado Español.

03/08/11

Rubalcaba quere cederlle máis soberanía á UE

Como se fora pouco o que mandan facer desde Europa, o candidato socialista á presidencia do goberno quere cederlle aínda máis soberanía estatal á Unión Europea, para que desde alí dirixan a política económica do Estado sen os intermediarios do Ministerio de Economía.

Desde que en 1986, gobernando Felipe González, o Estado Español entrara a formar parte da daquela CEE, en Galiza sabemos moi ben o que é aplicar ao ditado as políticas económicas e sociais desta Europa dos mercaderes. Sabemos moi ben as consecuencias que tivo para nós os galegos e galegas as políticas económicas para desmantelar os estaleiros, o agro, a pesca, ... e todos os sectores produtivos nos que Galiza era punteira.

Supoño que non é casual esta proposta, non hai moitos días o Ministro de Economía alemán pediu que todos aqueles países rescatados economicamente deberían ceder parte da súa soberanía. E a estas alturas, segundo o oráculo dos mercados, o Wall Street Journal, o Estado Español xa non é dono do seu destino económico.

Ese é o futuro que nos agarda, se non lle poñemos remedio!; se como colonia de España non pintamos nada, como subcolonia de Alemaña desapareceremos como pobo irremediabelmente.