Reflexións galegas e en galego

29/07/11

Adianto electoral

Zapatero adianta as eleccións xerais ao 20 de novembro, aniversario da morte do ditador Francisco Franco, unha data pouco acaida para celebrar unhas eleccións democráticas.

Acosado pola crise económica que non amainará nos próximos meses, ao contrario, incrementarase notabelmente, e tamén polos mercados, cuxa presión fascista resulta intolerábel, Zapatero pon fin a unha lexislatura marcada polas políticas neoliberais levadas a cabo polo PSOE. Miles de millóns de euros que foron parar aos bancos, recorte e conxelación das pensións, recorte e conxelación dos salarios dos funcionarios, privatizacións, reforma laboral, reforma das pensións, ... toda unha serie de política antisociais feitas para satisfacer única e exclusivamente aos mercados.

E Rubalcaba, candidato do PSOE, teno complicado, xa que el, por moito que se esconda na parafernalia mediática, foi partícipe en todas e cada unha das decisións deste goberno que xa ten data de caducidade.

Por outra banda, Galiza volve a xogarse o tipo nestas eleccións. O debate no noso país será que estea representado ou non. Se queremos que Galiza estea representada a nivel estatal só cabe unha opción, votar BNG!, non só para que o noso País conte, senón para rachar o bipartidismo PP-PSOE.

E para rematar esta análise rápida do adianto electoral, unha última apunte certamente curioso. Unha vez máis, estas eleccións veranse “alteradas” (uns pensarán que para ben outros para mal) polo movemento #15M que cinco días antes levará a cabo unha mobilización importante e un referendo. Casualidade?

28/07/11

O home máis listo do mundo

Un artigo de J. Jacks en Cotizalia

- Que programa de noticias ve vostede para saber o que ocorre?
- Ningún.
- Ningún? E entón, ¿como se decata do que pasa cada día?”
- Para que vou ver as noticias hoxe se desde hai tempo sei que pasa mañá, o mes que vén e dentro de seis meses?

En 1995, Robert Rubin era asistente especial para a Política Económica e o “home máis listo do mundo”. O presidente Clinton propúxolle un reto: Como podía EEUU crecer ano tras ano, sen crear inflación, mantendo a hexemonía do dólar, colocando a súa débeda no mercado, aumentando a “riqueza” das familias e evitando que China se convertese na primeira potencia mundial, todo iso ao mesmo tempo?.

Rubin atopou a solución: globalización e desregulación financeira: importación de produtos baratos e déficit comercial financiado por un superávit de capital. A parte financeira poríaa a reserva Federal e a parte comercial a UE e China.

A tarefa non era fácil. A Sra. Born empeñábase en investigar os derivados polo que se decidiu "acabar" con ela. Greenspan, Rubin e Levitt pediron ao Congreso americano unha moratoria na introdución da regulación proposta por Born. En abril de 1999, aburrida, deixou o seu posto. En 2000, asinábase a vía libre á desregulación.

O segundo problema era crecer sen a inflación. Foi fácil convencer a China (Asia) e a Alemaña a que se unisen á globalización e a que exportasen os seus produtos a prezos baixos. Estados Unidos abriu o seu mercado e forzou o novo GATT. Alemaña e China pensaron que Clinton volvérase tolo. Exportar todo o que quixesen a EEUU era unha bendición. Nin Alemaña nin China viron que eran parte do plan de transferencia de riqueza desde Europa e Asia cara a EEUU. A cambio de produtos reais, Alemaña e China recibían dólares creados a vontade e sen respaldo. Canto máis exportaban, convertíanse máis dependentes do dólar e da economía americana.

A que me soa isto...?

O Tea Party entrou na escena política norteamericana no verán de 2009 coa promesa de limpar Washington, sanear as súas institucións, acabar coa clase política tradicional e devolver o protagonismo ao pobo, ao vello estilo da revolución estadounidense, de onde toma o seu nome.

Para iso, era imprescindible primeiro deslegitimar as institucións que pretendía derrubar. E, como se daba a circunstancia de que os demócratas ocupaban entón todas esas institucións e había eleccións parlamentarias no horizonte, o Partido Republicano abrazou esa causa con furor.
Saqueino deste artigo de El País, e, salvando certas distancias, ese texto resúltame extrañamente familiar.

En cada Estado, a loita contra as institucións democráticas e a política en xeral adáptase ás singularidades de cada un deles, mais os obxectivos semellan ser os mesmos.

21/07/11

Rosalía de Castro xa ten máis de 5.000 searei@s en Facebook

Pouco máis dun ano despois de poñer en marcha esta páxina do Facebook, xa son máis de 5.000 seareir@s que desfrutan cos poemas de Rosalía de Castro, e non cabe dúbida que seremos máis cada día que pase.

Dá igual que a Xunta de Galicia ignore, cando non silencie, a figura da nosa escritora máis importante. Queda demostrado que os que desfrutamos cos poemas de Rosalía de Castro somos moit@s máis, e non quedará recuncho onde non chegue a obra desta galega universal.

Moito circo e cada vez menos pan

Unha dimisión, por moi agardada que esta fora, debería ser un trámite normal nunha democracia. Sen embargo, converteuse nun show mediático; así, onte os informativos da TV e hoxe os xornais practicamente só informan desta cuestión que para eles é de suma importancia.

Sen embargo, o mesmo día, o Congreso dos Deputados ratificou o proxecto de lei de reforma das pensións. Co voto en contra do BNG, esta medida suporá a ampliación da idade de xubilación até os 67 anos, ao que lle hai que sumar o incremento de 35 a 37 anos do tempo de cotización necesario para acceder ao 100% da pensión, e o incremento do período para o cálculo da contía das pensións desde os 15 anos actuais até os 25 anos, factores todos eles que diminuirán a pensión.

Como vedes, hoxe todos entretidos con Camps, mentres que mañá cobraremos menos pola nosa pensión.

19/07/11

Golpe de estado no FMI

Un artigo de Walter Goobar

O interminable thriller xeopolítico montado en torno do caso do destituído Director Xeral do FMI, Dominique Strauss-Kahn, a partir do presunto intento de violación dunha asistenta do hotel Sofitel de Nova York, continúa mostrando arestas dramáticas: trátase soamente dun pervertido cebado na súa impunidade?, era ela unha prostituta? Houbo unha conspiración?

Mentres os medios de comunicación hexemónicos manteñen a versión oficial sobre o ocorrido na suite do hotel cinco estrelas de Manhattan, un cúmulo de evidencias indica que o libidinoso Strauss-Khan caeu nunha trampa.

Segundo informes de prensa, a asistenta guineana, de 32 anos de idade, empregada do hotel Sofitel, recibiu a rechamante suma de 100.000 dólares que foron depositados na súa conta bancaria. The New York Times recoñece o pago, pero non analiza a orixe destes fondos. O Times suxire que o diñeiro foi depositado na conta da asistenta polo seu noivo que está a cumprir unha condena por narcotráfico nunha prisión de máxima seguridade.

Mr. Marshall segue presente

A axenda da FED era abrir o mercado domestico EEUU para favorecer a entrada das exportacións alemás, xaponesas e chinesas. Estas importacións eran pagadas cun dólar (sen respaldo algún) que a Fed creaba á súa vontade. Cada nova exportación alemá ou chinesa a EEUU significaba máis dependencia do dólar. O crecemento alemán ou chinés dependía do mercado domestico americano, é dicir, do Goberno EEUU.

Por iso necesitábase unha UE cunha moeda única. EEUU sabía que ao final, os dólares acabarían retornando a EEUU. Esclavismo do século XXI financiado con dólares do Caribe e "swap lines" da FED.

Artigo de leitura moi recomendábel para entender un pouco todo este lío da débeda soberana. Queda claro que o espírito de Mr. Marshall segue moi presente e máis vivo ca nunca. Agora se entende a visita que realizou a Hillary Clinton a Grecia para demostrarlles todo o apoio dos Estados Unidos ás "reformas" e ás medidas que tomaron que son tan impopulares nese país. O capo da mafia necesita pasta, e quere cobrar.

Queda algún europapanatas na sala?

18/07/11

Crerse non é o mesmo que ser

Queda claro que o capitalismo non é para todos, é só para ti; os que cobran como Rato, comparten contigo as perdas.

15/07/11

Galiza ten dereito!

Certo que a conxuntura económica xeral non é boa; é peor que mala. Mais o que leva sufrido este país non ten nome. Desmantelaron a próspera industria naval en Ferrolterra, e non contentos con iso, agora tócalle á industrial naval de Vigo. Un dos estaleiros máis emblemáticos da ría de Vigo, Hijos de J. Barreras, presentou a suspensión de pagos, e miles de traballadores quedan na rúa.

Como dixen o contexto xeral de crise económica non axuda en absoluto, e seguramente terán moita responsabilidade os directivos do estaleiro vigués, mais esta é unha pinga máis que está a rebordar o vaso da paciencia do noso país, un país que moitas veces semella resignado á súa mala sorte.

Unha vaga de indignación debería percorrer Galiza de norte a sur. Pero cantos dos “indignados” sairían á rúa para defender o país de tantos ataques que está a sufrir e sufriu o noso país?; iso é algo que ignoro, só sei que moitos dos “indignados” galegos si saíron á rúa e pero van camiño de Madrid, reclamando vai ti saber que.

Galiza ten dereito! O noso país quere e debe ter futuro. O Día da Patria Galega temos que demostralo todas e todos, percorrendo as rúas de Santiago de Compostela baixo o lema de “Estamos por Galiza, a favor do pobo”.

14/07/11

Cando o capo é o que máis debe

Isto que vedes a continuación non é o deseño de ningunha montaña rusa, é o gráfico da débeda dos Estados Unidos desde 1940 até a actualidade, a cuxo teito “legal” chegarán o vindeiro 2 de agosto, se non hai acordo no Congreso americano para ampliar máis aínda ese teito.

Ao ver este gráfico, calquera que teña dous dedos de fronte pensará que dá igual canto máis amplíen o teito, cando os alicerces son de puro barro, que fai que esta débeda sexa total e absolutamente impagábel ao seus acredores; sen embargo todo o mundo sinala co dedo a Grecia, Portugal ou Irlanda, como os estados morosos culpábeis da crise financeira, cando a crise está no seo do Imperio. Un imperio que tenta trasladar ao resto do mundo a súa miseria, de aí as presións dos mercados sobre determinados países e sobre unha moeda, o Euro, creada a imaxe e semellanza do deus Dólar, de aí a súa debilidade.

As próximas semanas serán cruciais e moi interesantes. O máis probábel é que vexamos unha fuxida cara adiante, pero só estaremos adiando o colapso dun sistema capitalista corrupto e mafioso, onde o que máis debe é o maior capo de todos, sentado encima dun arsenal nuclear, e comandando a maior maquinaria bélica da historia.

09/07/11

Esquerda Unida, e que hai do meu


Impresionante documento gráfico. Xabier Aguirre, deputado do EAJ-PNV, desvela as "diferencias programáticas" que impediron un pacto con Ezker Batúa. Unha acuascións que son certas, xa que o responsábel das negociacións pediu perdón e puxo o seu cargo a disposición.

07/07/11

O que nos faltaba... roubaron o Códice Calixtino

A Catedral de Santiago é un inmenso libro que narra a nosa historia como pobo, unha historia ocultada conscientemente polas autoridades eclesiásticas. Oculto, e disque a bo recaudo, tamén tiñan o Códice Calixtino, de cuxa desaparición enterámonos dous días máis tarde de ocorridos os feitos.

Non se trata dunha reliquia calquera, situada nunha capela dunha aldea perdida do noso País, estaba baixo custodia das máis altas autoridades eclesiásticas da Catedral de Santiago. Resulta cando menos patético que, como explica El Correo Gallego, que os resposábeis en canto se decataron da súa falta, puxéronse a buscar polas dependencias, como se perderan un vulgar catálogo comercial, que podes poñer en calquera sitio.

Como digo non se trata dun libro calquera. Á marxe da importancia histórico-artístico, xa que data do século XII, desde un punto de vista eclesiástico é o que dá “sentido” a toda esta parafernalia das peregrinacións xacobeas.

Non quero sinalar a ninguén, pero xa vai sendo hora que os nosos tesouros máis prezados deixen de estar en mans de persoas que “perderon” innumerábeis tesouros históricos-artísticos ao longo da nosa historia, e que teñen oculto baixo o seu estrito criterio outros tantos criterios, que, ao paso que vamos, quen sabe onde rematarán.

05/07/11

O xiro de 360º do PSOE

Nos últimos días estamos a ver como o PSOE, e especialmente Rubalcaba, que será o próximo candidato á presidencia do goberno español, están facendo unha serie de declaracións ben curiosas, contradición boa parte das decisións políticas tomadas nos últimos meses desde o goberno central.

Por unha banda, atacan á banca, á que axudaron creando o FROB, que inxectou miles de millóns de euros do erario público para axudar ao sector financeiro; e non podemos esquecer a fusión das caixas de aforro, impulsadas polo goberno central cunha serie de cambios lexislativos e decisións políticas que liquidaron o pouco que queda de público no sector financeiro do Estado.

Por outra banda, o candidato Rubalcaba non ten ningún pudor en dicir publicamente que el sabe como frear o paro, malia ser membro do goberno central, cuxo baixo mandato deterioráronse notablemente as cifras do paro, tomando decisións políticas que deterioraron notablemente a calidade das condicións laborais.

Moitos incaut@s pensarán que isto é un cambio radical, un xiro de 180º, mais coido que este é un xiro de 360º, tentan recuperar os apoios perdidos mentíndolle á xente, recorrendo á demagoxia máis obscena, con tal de seguir no poder e seguir facendo o mesmo que até agora ou peor.

A este paso, non sería descartábel que o PSOE se convirta no principal partido da oposición ao goberno de Zapatero. Ao tempo!

Xosé Manuel Carril conecta en directo coa Frotiña Liberdade desde unha rolda de prensa do BNG


Moi boa a iniciativa de Carril. Así se rompe a censura dos medios! Parabéns!!

04/07/11

Un mundo virtual

O Twitter de Fox News, coñecida canle ultra-conservadora norteamericana, anuncia que Barack Obama foi asasinado de dous tiros, desexándolle boa sorte ao sucesor Joe Biden. Segundo La Vanguardia o tuit é falso, produto do crakeo da conta de Twitter de FoxNews. O curioso é que ambas as dúas contas, a falsa e a orixinal semellan estar verificadas por Twitter. Impresionante!

Con internet temos moitas formas de comunicarnos, pero tamén hai moitas formas máis de enganar á xente.

02/07/11

Intervención de Francisco Jorquera no debate de política xeral do Estado

A intervención de Francisco Jorquera no debate de política xeral do Estado (en Madríd é coñecido polo debate do estado da nación) no top ten dos máis vistos; leva xa máis de 10.000 visualizacións. Jorquera, coma sempre, espectacular!

01/07/11

Bandeiras, estrelas e logotipos

O mundo está cambiando, para peor. Non hai moitos anos símbolos como unha bandeira vermella, unha estrela vermella, ou simplemente a imaxe do Ché eran sinónimos de revolución, de loita, de loita colectiva, de pobos, de organizacións políticas e sindicais, que as erixían orgullosos como símbolos revolucionarios, que convidaban a pensar nun mundo mellor, máis xusto para toda a humanidade.

Hoxe, estes símbolos revolucionarios, foron substituídos por outros de creados polo capitalismo, non sei se para controlarnos, pero si para illarnos individualmente, para dividir a clase traballadora, que somos todos e todas; facendo efectivo aquelo de “divide e vencerás.”

A foto que ilustra que este artigo está tomada das manifestacións en contra ou a favor -realmente non o sei- da nova constitución marroquí. Como vedes trátase dun manifestante que leva un “F”, que é o logotipo de Facebook, a rede social por excelencia. Está claro que o moderno mola, aínda que sexa para illarnos e narcotizarnos cada vez máis.

Sermos Galiza

Péchase unha porta coa Galicia Hoxe, e ábrese outra coa iniciativa Sermos Galiza que procura un semanario en galego para este ano. Parabéns!!