Pertencer a organismos supra-estatais como a UE ten consecuencias. Se este organismo ten unha moeda común as consecuencias son dramáticas, xa que, como se está a ver, unha vez que racha a burbulla especulativa, os estados vense indefensos para afrontar a crise económica sen pasarlle a factura aos cidadáns.
A situación en Grecia é explosiva, cunha débeda que ten xa unhas dimensións que a fan impagábel, non só polo capital senón polos intereses que son pura usura, para beneficio duns poucos, o pobo grego está asfixiado por uns recortes, privatizacións, despidos e impostos, que fan inviábel o país, e que o están a poñer a altura de países do terceiro mundo.
Entre hoxe e a semana que vén Grecia xógase o seu futuro. En primeiro lugar o novo goberno terá que pasar unha moción de confianza logo da remodelación que levou a cabo o primeiro ministro; mais a semana que vén é crucial, xa que terán que dar o visto e prace a novas contrarreformas en forma de privatización, despido de funcionarios, subida de impostos, ... para que a UE e o FMI concedan unha novo préstamo de 12.000 millóns de euros que permitirá gañar tempo ao sector financeiro europeo, pero que non servirá para evitar a corto prazo a quebra de Grecia, e para afundir aínda máis na miseria ao pobo grego.
Esta situación, aínda que grave, a posíbel solución ten precedentes. Arxentina é un caso moi semellante ao de Grecia. Afogado por unha débeda impagábel, e cunha moeda que fluctuaba parella ao dólar americano, non lle quedou outra que rachar con esta dinámica: devaluar o peso, quebrar e negociar os pagos da débeda. Hoxe a situación económica de Arxentina é moito mellor que hai 10 anos.
E ao país heleno non lle queda outra que facer o propio que saírse do euro e retornar a un dracma devaluado, se non quere pasarlle aos cidadáns o custe da débeda e da crise.
Grecia ten que recuperar a dignidade e a soberanía perdidas, e iso pasa por botarse fóra do euro. E o mesmo se podería dicir de Portugal ou mesmo do Estado Español, que cun paro de máis do 20% e firme candidato a ser o próximo en sufrir o drama grego, e iso que que o PSOE xa fixo boa parte das contrarreformas (dúas reformas laborais, reforma das pensión, privatizacións, etc),
pero semella que todo é pouco, e xa se anuncian novas “reformas” que non se concretan de momento.
Para rematar, dicir que todo isto significa unha cousa, significa o fracaso da Unión Europea e da moeda común. Podemos ser moi críticos co Pacto do Euro, que ten e terá consecuencias catastróficas para todos e todas, agora que, teríamos que facernos a seguinte pregunta: vale a pena pertencer ao euro se temos que privatizar o pouco que nos queda, se temos que instaurar o despido libre, se temos que traballar máis para cobrar menos cando nos xubilemos, se temos que pagar máis impostos e ter menos servizos...? Vale a pena? Eu coido que non.