Reflexións galegas e en galego

31/03/11

Para Aznar ser galego é un problema

30/03/11

Polo seu voto os coñeceredes

BNG e IU as forzas máis progresistas do Congreso dos Deputados

Fonte: Ciudad Futura

25/03/11

Nace CaixaBanc

23/03/11

A axenda do Imperio

Segundo o Xeneral Wesley Clark, o Estados Unidos atacarán "7 países en 5 anos", "comezando por Irak, Siria, Líbano, Libia, Somalia, Sudán e finalmente Irán."

Empezando a desmontar a mentira!

22/03/11

O BNG en contra da intervención militar en Libia



Chapeau! pola coherencia e pola intervención de Francisco Jorquera, que é magnífica!

Máis claro auga...

A cousa estaba clara, pero por se algúen tiña algunha dúbida dos motivos que impulsaron a intervención militar en Libia, só ten que escoitar ao congresista Demócrata, Ed Markey, que di claramente, que atacan este país polo petróleo.

21/03/11

En mentras tanto en Bahrein (2ª parte)

Mentras a comunidade internacional tira bombas en Libia para rematar coa tiranía de Gadafi, en Bahrein, o réxime títere da mesma comunidade internacional, reprime con violencia e con absoluto desprezo pola vida humana do xeito que podedes ver a continuación (aviso!, non é moi agradábel).

Como podedes ver, a policía anda cazando seres humanos polas rúas mentras a comunidade internacional só ten ollos para Libia. A continuación outro exemplo, non menos ferinte.

Mais ante a barbarie comentida polo rexime de Bahrein, a sociedade civil deste estado títere de occidente, cuxo petróleo sirve aos intereses dos que nestes intres tiran bombas en Libia, e sen o amparo da ONU, nin do premio Nóbel da Paz, Barack Obama, toma igualmente as rúas e é quen de enfrontarse ao réxime represor. Mais isto só o veredes aquí e non na TV.

20/03/11

O soldado Manning, o heroe olvidado

Desde que se deron a coñecer os cabos filtrados por Wikileaks todos os focos, e toda a atención, centrouse en Julian Assange, o heroe, como lle veñen en chamar moitos, ídolo de masas, grazas, en parte, a que se trata do estereotipo dun aventureiro moderno, que con seu computador ás costas percorre medio mundo, loitando pola liberdade da expresión na rede.

Mais o verdadeiro heroe de todo isto, non é o mediático Julian Assange, é Bradley Manning, que se podre nunha cárcere americana, unha especie de Guantánamo, torturado e nunha situación infrahumana, e todo isto baixo a administración de Obama, que disque ía rematar con esta situacións á marxe da lei. Xa se ve!

O delito Manning: filtrar os papeis que posteriormente deu a coñecer Wikileaks, no que amosaban unha administración americana psicópata, controladora, manipuladora e imperialista.

Bradley Mannig foi moi valente, pero non merece estar no cárcere por filtrar uns papeis, cuxa publicación por parte dos medios foi previamente consultada coa administración americana.

Os primeiros mortos, "legais"

Non tardaron en chegar as primeiras imaxes de mortes polos ataques "aliados". Iso si, son mortes legais, avaladas e bendecidas pola ONU.

Por certo, non deixa de sorprenderme unha cousa: coa crise económica que estamos a padecer, cos recortes sociais que aplicaron os gobernos, non só o español, en todos os eidos, para a guerra nunca hai crise, nunca hai recortes de orzamentos.

19/03/11

E mentras tanto en Bahrein

Os tambores de guerra resoan preto de Libia. Esta tarde noite os aliandos do Imperio, reuniranse para estabelecer a mellor estratexia, que non estará exenta de risco para a poboación civil que, disque, é a quen queren salvar.

En resumo, xa estamos outra vez en Guerra. Cada presidente americano ten a súa, e Obama non ía ser menos. Todo polo petróleo.

Por outra parte, resulta curioso, o doble raseiro co que actúa a "comunidade internacional". En Bahrein ocorre algo semellante ao que está ocorrendo en Libia, e sen embargo non suscita a atención do Imperio. Seguramente será porque o ditador de Bahrein é dos seus e Gadafi non o é.

18/03/11

Oportuno, bo e clarificador comentario de Guillerme Vázquez

"En Libia,intervención militar para defender o pobo.En Barhein,intervenciòn militar para defender o Rei.Israel poderá,como sempre,machacar militarmente ao pobo palestino,Marrocos ao pobo sahariano....do dictador Mubarak nada volvemos saber. Emociona saber que a "comunidade internacional",garante a democracia,defende aos pobos,como en Irak,como en Afganistán....."

Na súa páxina en Facebook

16/03/11

A soberbia dunha xornalista

É unha ousadía ir a un país estranxeiro a facer unha entrevista, e no canto diso, dar leccións de democracia e liberdade cando no seu propio país hai partidos políticos ilegalizados, xornais pechados por decisións políticas, hai sospeitas fundadas de torturas da policía, etc, iso sen mencionar que hai uns días o Tribunal Europeo de Dereito Humanos condena ao Estado Español por vulnerar a liberdade de expresión de Arnaldo Otegui.

Por certo, Ana Pastor non ten a exclusiva de entrevistar sen velo; por outra parte a entrevista é mellor, sendo máis corta.

14/03/11

Xapón, en can fraco todo son pulgas

E van dúas explosións na central nuclear de Fukushima, as dúas verdadeiramente impactantes, pero as autoridades xaponesas din que os reactores non resultaron danados, o que, vendo as imaxes, resulta difícil de crer.

En can fraco todo son pulgas. Para as próximas horas prevese outro sismo importante, mais a embaixada española en Tokyo non evacúa aos seus nacionais, mentres Franza e Alemaña si o fan. Debe ser que, como dixo Paco Vázquez no seu día, o fume non vai para a capital nipona.

12/03/11

As desgrazas non veñen soas

Logo de soportar un sismo de 8,9 graos, e un tsunami con ondas de 10 metros, Xapón, e os países limítrofes, poden verse afectados polos efectos da radiación tras a explosión de parte dunha central nuclear en Fukushima, a 240 quilómetros de Tokyo, onde viven máis de 10 millóns de persoas.

Nos medios de comunicación falan de que a fuga é mínima; mais se botades un ollo á explosión, podedes ver que, o máis probábel, esteamos ante algo peor, un novo Chernovil nun país e nunha zona do plante densamente poboada.

Onde están agora os defensores das plantas nucleares?

10/03/11

Galiza ten dereito!

O 1 de decembro de 2002 milleiros de galegos e galegas encheron as rúas de Santiago de Compostela co berro unánime de Nunca Máis clamando contra o desleixo do PP de Fraga que abandonou á súa sorte o noso país mentres este se enchía de chapapote de norte a sur.

Ou sen ir tan atrás; aí quedan as manifestacións de Queremos Galego, tanto a do 18 de outubro, como a histórica do 21 de xaneiro de 2010, que encheu até rebentar a Praza do Obradoiro, nunha demostración de dignidade deste pobo como poucas se teñen visto, clamando polos dereitos do noso idioma.

Agora o 13 de marzo, este domingo, temos outra cita coa historia, temos outra cita coa nosa dignidade como pobo. Logo de soportar reconversións industrias e gandeiras, logo de ver como expolian os nosos ríos e os nosos montes para beneficio de grandes empresas electrícas, sen que o noso pobo vexa un can, logo de ver como se acumulan milleiros de parados e paradas no debe do PP de Feijoo, logo de ver como privatizan a nosa caixa de aforros, que no canto de investirse os seus beneficios no noso pobo irán parar aos petos dos millonarios da revista Forbes. Por todo isto temos que berrar máis algo que nunca que Galiza ten Dereito!, polo emprego, polo aforro, polo noso País, o domingo 13 de marzo, todos e todas a Santiago de Compostela.

08/03/11

Uns tanto e outros nada

Hoxe o DOGA publica as subvencións da Xunta á prensa galega -o de galega é un dicir-. Como non podía ser menos que máis cartos se leva é La Voz de Galicia (619.652 €), seguido do Faro de Vigo (233.519 €), El Progreso de Lugo (105.776 €) e el Correo Gallego (93.139 €); e tamén leva El País, polas catro míseras follas de información sobre o noso País (74.229 €). En total a prensa “galega” lévase 1.616.555 € do erario público.

Mentres estas empresas xornalísticas que se caracterizan a maior parte delas, por non dicir todas, por ignorar nas súas publicacións o noso idioma, outros xornais como A Peneira, un xornal comarcal, que publicaba en galego desde hai 25 anos, botou o cerre.

07/03/11

E 37 anos despois a historia repítese

Gadafi, prezo do petróleo, crise económica, límites de velocidade... a historia repítese.

O PP de Poio encoméndase ao Altísimo

Os do PP de Poio moi desesperados deben andar cando teñen que facer unha misa para que o Altísimo lles bote unha man para gañarlle a alcaldía ao BNG

As consecuencias da reforma das pensións

Dítico editado pola CIG con exemplos prácticos das consecuencias da reforma das pensións feita polo PSOE, coa axuda inestimábel de UGT e CC.OO

06/03/11

A ignoracia faravos libres!!

Ou non! Unha mostra dos fallos que ten o sistema educativo no Estado Español. Non ten desperdicio.

Medidas de aforro

Imponse a doutrina do aforro nas institucións públicas. O PSOE non só se recurtou soldos, pensións... agora tamén lle toca a velocidade nas autoestrada, que pasa de 120 qm/h a 110 qm/h km/h, disque para que aforremos combustíbel, que está moi caro. Certo que está moi caro, e máis que estará, agora, na miña opinión vai custar máis substituír os sinais en todo Estado e volvelos a deixar igual dentro de 3 meses -supostamente, claro-, que o aforro que vai supor baixar en 10 qm/h km/h a velocidade de máxima.

Con todo, a doutrina do aforro imponse segundo para que e para quen. O tribunal constitucional a instancias do goberno do PSOE anulou o catálogo de medicamentos da Xunta, que obrigaba aos médicos a receitar mediñas xenéricas no canto das de marca, o que supoñía un aforro considerábel na factura farmacéutica. Está claro que o sillón de Felipe González no consello de administración de Farmaindustria ten as súas contrapartidas.

01/03/11

Policía israelí detendo a un "perigoso" terrorista

Dálles igual a idade, para a policía israelí calquera palestino é un terrorista en potencia, así sexa un neno.