Reflexións galegas e en galego

30/01/11

Alba de Groria de Castelao

Miñas donas e meus señores:

Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comenza en Sant-Iago. A torre do reló tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás, repinicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a todol-os campanarios da cibdade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos maravillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da veiramar até as homildes espadañas da montaña. E o badaleo rítmico das campás -de todal-as campás de Galiza en leda algarabía- semella o troupeleo dos cabalos astrales, que veñen pol-a vouta celeste, turrando co carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza.

28/01/11

Resumo do pacto PSOE-UGT-CCOO e empresarios

24/01/11

25 toneladas de liberdade

A liberdade pode medirse ou pesarse? Para os que pensabades que a liberdade era algo inmensurable estabades equivocados. Mirade esta foto que hai abaixo....

Na primeira foto vedes o próspero pobo de Tarok Kolache en Afganistán antes de que lle tiraran 25 toneladas de bombas ianquis. A segunda foto é a do pobo “liberado” polo americanos e os aliados entre os que se atopa o Estado Español.

A dúbida é se aí había alguén no intre que tiraron as bombas. Dá igual, agora xa son máis libres que antes.

Visto en Guerra Eterna.

O prezo da gasofa


Visto en JR Mora

23/01/11

Non queremos un futuro ao revés !

18/01/11

Cine galego

Viña oíndo a Radio Galega, coma todas as mañás, e despacháronse a gusto dicindo que o “cine galego” levara o premio á mellor película e ao mellor actor nos Premios José María Forqué. Os gañadores son unha película co título en inglés, Buried, dirixida po Rodrigo Cortés, e o actor é Luís Tosar, polo seu papel en “También la lluvia”, de Iciar Bollaín.

Cine galego será o feito en Galiza e en galego. Dicir que Buried ou “También la lluvia” é cine galego e tanto como dicir que a sidra é galega, por moito que as mazás sexan de aquí, quen leva os beneficios e gloria, neste caso é Asturies no canto de Galiza.

11/01/11

Así funcionan os paquetes de rescate

Os paquete de rescate dos países non funcionan exactamente tal e como se describen no conto que podedes ler a continuación, e que vin no blog de Maikelnai's. Con todo é unha xeito moi sinxelo de explicar o seu funcionamento. Como di ao final, non se produce nada, ao contrario, os países rescatados fican máis pobres e máis endebedados que antes do rescate.

É un día tranquilo nunha pequena e húmida aldeíña de Irlanda. A choiva cae con ganas e as rúas están desertas. Os tempos son duros, todo o mundo ten débedas e todo o mundo vive do crédito.

Ese día en concreto un rico turista alemán chega conducindo ao pobo, detense no único hotel e deixa un billete de 100 euros no mostrador, dicíndolle ao propietario que quere botarlle unha ollada ás habitacións para poder elixir a que máis lle guste para pasar a noite.

O dono do hotel dálle varias chaves e convídalle a subir as escaleiras para que vexa as habitacións con tranquilidade. Acto seguido colle o billete e vaise correndo ao local do ladopara pagar as súas débedas ao carniceiro. O carniceiro colle o billete de 100 euros e corre rúa abaixo a saldar a súa débeda co criador de porcos.

O gandeiro colle o billete e sae a fume de carozo a pagar a súa débeda co fabricante de pensos. Este último tamén sae correndo, billete en man, camiño do pub para pagar as cervexas que lle debe ao hostaleiro. O propietario do pub pásalle o billete inmediatamente a unha prostituta que está sentada na barra, e que lle fixo “a conta” un par de favores sexuais.

A prostituta colle entón o billete e sae tamén a fume de carozo cara o hotel para pagarlle ao propietario o aluguer das habitacións. O dono do hotel sitúa entón o billete de novo sobre o mostrador de modo que o rico turista alemán non sospeite nada.

Nese momento o viaxeiro baixa as escaleiras, colle o billete de 100 euros, afirma que no hotel non hai ningunha habitación que lle agrade o suficiente, garda a súa carteira e abandona o pobo.

Ninguén produciu nada. Ninguén gañou nada. Con todo, todo o pobo quedou libre de débedas e os seus habitantes miran agora o futuro con moito máis optimismo. E así, damas e cabaleiros, é como funcionan os paquetes de medidas de rescate.

Beatriz Mato mascando chicle no pleno


A Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, mascando chicle durante o pleno no que se trataban relativos ao seu departamento. Certo que estes do PP fan cousas peores que esta, pero este acto denota o pouco ou nulo respecto que lle teñen ás institucións públicas galegas, así como á nosa cultura, como outras veces xa teñen demostrado, empezando polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

09/01/11

A gran mentira sobre a reforma das pensións

04/01/11

Evidente contradición

Acabo de ver nos informativos os resultados da enquisa do CIS sobre como ve a sociedade española o vindeiro ano e o futuro en xeral. Unha das preguntas que fixeron na enquisa era que herdanza vai recibir a mocidade do século XXI nunha serie de aspectos (traballo, dereitos humanos, liberdade, etc). Tal e como dixeron no informativo a maioría da xente, pensa que a mocidade vai perder en dereitos laborais e sociais, pero gañará en “dereitos humanos”.

Tendo en conta que dentro da Declaración Universal de Dereitos Humanos, o artigo 23 fai unha especial referencia ao dereito ao traballo, a ter unha condicións “equitativas e satisfactorias” e á “protección contra o desemprego”; iso sen ter que recorrer á Constitución Española, que no artigo 35 tamén fai referencia a esta cuestión; como pode ser que haxa xente que pense que gañaremos en dereitos humanos cando ao mesmo tempo di que haberá un gran deterioro do traballo e das condicións laborais?

A cousa está clara: traballar xa non é un dereito. É dicir, -e sen ánimo de entrar en polémicas-, dúas persoas do mesmo sexo poderán casar e terán os mesmo dereitos que unha parella homosexual, pero non terán dereito ao traballo.