Reflexións galegas e en galego

26/09/11

Estamos en mans de auténticos psicópatas




O vídeo que podedes ver a continuación corresponde á entrevista que lle fixo a BBC a un “trader” chamado Alessio Rastani, que opera en mercados financeiros especulativos. Está en inglés, pero pego a continuación a tradución, que non ten desperdicio. Destaco en negriña o que me parece máis chamativo.

Resumindo: que estamos en mans de auténticos psicópatas que non lles importa en absoluto as nosas miserentas vidas, eles só se preocupan de gañar cartos. E o peor de todo é que a nivel político ningún goberno lles mete man; seguramente porque, como di, quen realmente manda é Goldman Sachs.


TRADER: vai haber un crash económico, e vai ser moi duro, porque os mercados están dominados agora mesmo polo medo. Os investidores, o “gran diñeiro”, o “diñeiro intelixente”, as institucións, non se cren este plan de rescate (refírese ao plan de rescate europeo). Saben que o mercado está morto, saben que o mercado de valores está finiquitado, non lles preocupa en absoluto o euro, están a mover o seu diñeiro a outras posicións máis seguras como bonos do tesouro (americano), os bonos a 30 anos e o dólar americano, isto non vai funcionar.


XORNALISTA: Seguimos escoitando que todo o que propuxeron os políticos até o momento foi bastante impreciso, é iso certo? Podería dicirnos exactamente que faría felices aos investidores? Que lles faría sentirse máis seguros?


TRADER: Esa é unha pregunta difícil. Persoalmente, creo que dá o mesmo. Eu son un operador financeiro, a min non me preocupa a crise. Se vexo unha oportunidade para facer diñeiro, vou a por ela. Así que, para a maioría dos brókeres, non se trata diso. Nós non nos preocupamos de como arranxar a economía, ou de como imos arranxar esta situación. O noso traballo é facer diñeiro disto e eu persoalmente estiven soñando con este momento o últimos tres anos. Teño que confesalo, eu voume á cama cada noite soñando con outra recesión, con outro momento como este. Porque hai moita xente que non o lembra, pero a depresión dos anos 30 non foi soamente o crash dos mercados. Había xente preparada para facer diñeiro con ese derrube. E eu creo que iso o pode facer calquera, non soamente unha elite.


Calquera persoa pode facer diñeiro nisto, é unha oportunidade. Cando o mercado se derruba, cando o euro e as grandes bolsas se derruban, se sabes o que facer, se tes o plan correcto posto en marcha, podes facer unha chea de diñeiro: por exemplo, cunha estratexia de hedge founds ou investindo en débeda soberana, ese tipo de cousas.


XORNALISTA: Se pode ver á xente que teño aquí comigo, verá que se quedaron coa boca aberta escoitando o que di. Agradecémoslle a súa sinceridade pero isto non nos axuda a nós, tampouco axuda ao resto da Eurozona.


TRADER: Escoite, a todos os que nos están escoitando. Esta crise económica é como un cancro. Se esperan e esperan sen facer nada este cancro vai seguir crecendo e será demasiado tarde. O que deberían facer é prepararse. Este non é o momento de confiar en que os gobernos van arranxar as cousas. Eles non gobernan o mundo. Goldman Sachs goberna o mundo. E a Goldman Sachs non lle importa este paquete de medidas de rescate, e tampouco lle importa aos grandes fondos de investimento.


Mire, eu quero axudar á xente, a xente pode gañar diñeiro con isto, non só os brókeres, o que teñen que aprender é como facer diñeiro nun mercado en descenso, o primeiro que deberían facer é protexer os seus investimentos, protexer o que teñen, porque a miña predición é que en menos de 12 meses, os aforros de millóns de persoas van desaparecer, e iso será só o principio. Así que o meu consello é “prepárense e actúen agora”. O maior risco que teñen agora mesmo é non actuar.

0 Comentarios: