De consumarse esta proposta, que se consumará -faltaría máis-, os principais prexudicados seremos os cidadáns que veremos como se reducirán aínda máis os servizos sociais. Por que, en períodos de crise, endebedarse é o que ten que facer calquera goberno que queira crear emprego, e non para inxectar diñeiro no sistema financeiro totalmente quebrado. Porque ese é o verdadeiro problema que temos, a desorbítante débeda privada, que é a que está a tragar todos os nosos impostos, e semella non ter fin.
Mais o problema tamén é a distribución da riqueza, cada vez en moi poucas mans, e que cada vez pagan menos impostos. O problema é que o Estado Español, e tal e como indica a Constitución Española, non dirixe a súa política monetaria, e polo tanto non pode devaluar moeda se fixera falta, que o fai, para que as clases populares non viran reducir os principais servizos sociais e os seus dereitos laborais.
Tal e como di a Constitución Española a soberanía reside no pobo. Outra falacia! A soberanía, e deixárono claro PSOE e PP onte no Congreso, reside na entelequia dos “mercados”, cuxo brazo executor é Merkel, acompañada do pequeno Sarkozy; e os demais a obedecer.
A estas alturas da película España ou Estado Español, como queirades chamalo, xa non é un estado soberano, non vos enganedes, é un länder máis de alemaña, é o “Spanisch Land”; e iso non me preocupa especialmente, o que me quita o sono é saber o que somos nós os galegos, que é Galiza.
Non sei se “os mercados” ou se Merkel e Sarkozy escoitarían algunha vez a Siniestro Total, pero a súa canción “Pueblos del mundo, extinguíos!” resulta certamente premonitoria ao tempo sobrecolledora, non si?

0 Comentarios:
Enviar um comentário