Reflexións galegas e en galego

15/06/11

A realidade supera á ficción

A cousa está mal, moi mal. Disque son pesimista, pero a actualidade política e económica non invita en absoluto ao optimismo. Eu son como Saramago, pesimista, porque só os pesimistas podemos cambiar o mundo.

Esta reflexión vén a conto logo de ver como se suceden os acontecementos a nivel mundial. O vindeiro fin de semana a Unión Europea decidirá se apoia ou non outro rescate a Grecia, que afogadas polas débedas camiña cara o abismo, arrastrando a todo o que lle rodea. A posíbel solución, como dixen, é outro rescate, que fará aínda máis grande a débeda, pero cunha novidade, que as entidades financeiras privadas entrarán a formar parte deste novo plan de rescate, o que significa, na práctica, que se Grecia non paga, -e non pagará- as entidades privadas serán as donas deste país.

A crise de débeda é tan “incríbel”, no sentido máis amplo da palabra, que xa hai países que están pondo á venda os seus bens máis prezados, como Austria, que quixo vender dúas das súas numerosas montañas, pero só a reacción pública impediu este acto certamente sobrecolledor.

A realidade supera á ficción. E non quero rematar este artigo sen facer referencia a unha película esquecíbel se non fora por que está a ter arrepiantes similitudes coa realidade. A películas chámase “Hardwired”, e desenvólvese nun mundo onde todo está en mans das transnacionais, todo!, até as persoas.

0 Comentarios: