Reflexións galegas e en galego

16/06/11

Non aprendemos nada

“Viva o mal, viva o capital” era a frase recorrente da “bruja avería”, aquel mítico personaxe de ficción do programa infantil -e non tan infantil- “La Bola de Cristal” de mediados dos anos 80. Fisicamente nada agraciada, sempre facendo mal, a “bruja Avería”, simbolizaba a un capitalismo despiado, que de editarse de novo este programa sería aínda máis terríbel, porque é o capitalismo o que ten contra as cordas a países como Grecia, Irlanda e Portugal, é o capitalismo o culpábel de que haxa milleiros de persoas que morren de fame no mundo, é o capitalismo o culpábel das guerras polo control dos recursos enerxéticos, ... e nun sistema corrupto coma este, nunha sociedade corrupta, onde hai persoas corruptas, ten que haber forzosamente políticos tamén corruptos.

Eu non vou caer na condena facilona e politicamente correcta dos altercados de onte no Parlament e na Generalitat. Antes debería haber unha condena unánime a este capitalismo que nos leva ao abismo; antes habería que encerrar na cadea aos directivos das grandes corporacións financeiras que exerceron e exercen todos os días violencia en forma de privatizacións, recortes sociais e laborais. Eles son os culpábeis desta crise económica, política e social, eles son os culpábeis da corrupción política e social, e contra eles hai que focalizar toda a nosa “indignación”. E só cando teñamos contra as cordas a señores como Botín (Santander) ou Francisco González (BBVA), eses políticos dos partidos maioritarios deixarán de bailar ao son que lle marcan estes, para bailar ao son que lles marca a sociedade.

Por iso que o que non comparto en absoluto é que toda a indignación da sociedade se focalice na clase política, porque nese saco están todos metidos, os que, por exemplo, votaron a favor da guerra de Libia ou das privatizacións ou das reformas laborais, e os que dixeron NON a todo iso, e é algo que non é xusto, e de seguir nesa teima, o único que gañará será o fascismo.

0 Comentarios: