Reflexións galegas e en galego

30/11/10

Espoliar até que non quede nada

Xa sabedes que Irlanda será rescatada pola UE . O noutro tempo tigre celta, agora convertido nun manso gatiño, en 2008 rescatou os bancos, nacionalizándoos, pero foi (é) tal o montante das perdas destes que esta manobra non foi suficiente para poñelos a salvo, e, dous anos máis tarde, é Irlanda a que ten que ser rescatada porque é incapaz de afrontar as perdas que segue a ter a banca deste país.

Sabedes que o custe do rescate elévase a 85.000.000.000 € (mellor con todos as cifras, é máis impactante), cartos que na súa totalidade destinaranse ao quebrado sistema financeiro deste país. O rescate non lle sairá gratis aos irlandeses e irlandesas; nos próximos anos terán que sufrir nas súas propias carnes unha serie de “reformas” como subidas de impostos, conxelación de salarios, despidos no sector público, etc, etc, etc.

Pero o que seguramente non sabíades -eu tampouco, acabo de enterarme- é de que o 20% deste rescate sairá da propia Irlanda, é dicir 17.500.000.000 €, o resto da UE e o FMI, é dicir, 67.500.000.000 €. Pero, de onde saca tantos cartos un país con problemas económicos como Irlanda? Moi doado, como informa o Financial Times, eses 17.500.000.000 € sairán do “National Pension Reserve Fund”, do fondo de pensións público irlandés.

É dicir, que a maiores das “reformas” que se lles aplicarán aos irlandeses e irlandesas, que verán como se lles complica o seu día a día, que verán como se deterioran todos os servizos públicos, verán tamén como espolian as súas pensións para salvar ao sistema financeiro, cuxa voracidade parece non ter fin.

Se o Estado Español ten que ser rescatado, e hai moitas posibilidades de que así sexa, tede por seguro que irán tamén a polo fondo de pensións, un dos poucos sitios onde o Estado aínda ten cartos, a finais de 2009 había 60.000.000.000 €. Por certo, non sei se sabiades, pero o 90% deste fondo invístese en débeda soberana española.

28/11/10

Reformas

O dicionario da RAG di que reformar é “facer algún cambio en algo e deixalo distinto de como era, darlle unha nova forma para melloralo”. Por se había algunha dúbida do dicionario da RAE di que reforma é “modificar algo, polo xeral coa intención de melloralo”.

Daquela está claro, cano se fala de “reformas”, un entende que é para mellorar... o que sexa. Sen embargo, estamos a ver que non é así. De tal xeito, que cando a UE ou os 37 xinetes do apocalipse piden reformas urxentes, está claro que non é para mellorar nada, senón todo o contrario, para liquidar o pouco que queda do estado do benestar.

E por certo, que inxenuidade a a miña, que pensaba que quen realmente tiña o poder nun estado democrático era o pobo; pois que equivocado estaban quen manda realmente son os 37 xinetes do apocalipse, sentados en estrito orde por volume de facturación, que lle indican ao goberno do PSOE o rumbo da política económica, que en definitiva é a que máis lle convén a ele. Impresionante!

26/11/10

Resumo da entrevista entre Elena Salgado e Juán Carlos de Borbón

Pouco trascendeu da entrevista entre a Ministra de Economía e o Juán Carlos de Borbón, Rei de España e outras terras que non ten (Guillerme dixit), pero un resumo aproximado desta é o que vedes na imaxe.

25/11/10

O silencio da monarquía española a respecto do Sáhara


A charla completa

Modifícase a Constitución Española


Artigo 1.2: A soberanía nacional reside no FMI e o BCE, dos que emanan todos os poderes.

Artigo 5: A capital do Estado é Berlín.

Artigo 9.1: Os cidadáns e os poderes públicos están suxeitos ao que diga o FMI, o BCE e os fondos de investimento.

Artigo 39.1:
O FMI e o BCE aseguraranse que cada quen se apañe como poida.

Artigo 128.1: Toda a riqueza do país nas súas distintas formas e sexa cal for a súa titularidade está subordinada aos intereses dos mercados.

Os novos pais da Constitución Española son Angela Merkel, Jean Claude Trichet e Dominique Strauss-Kahn.

24/11/10

Están apretando...

A cousa pinta mal para o Estado Español. Os datos que se utilizan para medir a credibilidade país perante os mercados financeiros non poden ser máis clarificadores: España comerá o turrón da man do FMI e do BCE.

Os mercados piden sangue, piden reformas que liquiden o estado de benestar. Se xa é feble, este ten os días contados, despois da reforma laboral que instaura de facto o despido libre, coa participación do Estado, o próximos son as pensións e seguramente a sanidade.

Non hai moitos días, o novo Ministro de Traballo, o mesmo que se manifestou o 29-S, dicía que a reforma das pensións sería en marzo ou abril. Eu, tendo en conta a que está caendo, coido que o PSOE anunciará a reforma das pensións xusto despois das eleccións catalás para calmar os mercados, aínda que sospeito que de pouco servirá. Xa queda pouco para sabelo.

Dous non pelexan se un non quere...

Non é que lle teña simpatías con Corea do Norte, pero cómpre destacar un feito importante que está sendo ocultado polos medios de comunicación masivos. Segundo informa Europa Press, foi Corea do Sur a que iniciou os bombardeos e non Corea do Norte como se está relatar.

Aínda que os problemas entre ambos países veñen de vello, mesmo cunha guerra de por medio, haberá que ter isto en conta, en función de como se desenvolvan os acontecementos posteriores.

22/11/10

España non é Irlanda, é peor

Todos a unha, a maioría dos partidos españois saíron hoxe á palestra para cacarexar que España non é Irlanda; eu digo, efectivamente, España non é Irlanda, é peor.

A tasa de paro en Irlanda no mes de setembro era do 14,1%, en Portugal era do 10,6%, e a denostada Grecia era do 12,2% no mes de abril. No Estado Español a tasa do paro está no 20,8% (datos do Eurostat). Que cada quen saque as súas propias conlcusións. Para min está claro que o Estado Español é o seguinte na lista dos especuladores financeiros.

Demasiado grande para caer

Non, non vou falar das grandes corporacións financeiras que os estados se empeñan en non deixar caer, vou facer un simple comentario a respecto do edificio de 28 andares, que se se incendiou complentamente en Shangai a semana pasada -desde o primeiro até o último piso-, e sen embargo non caeu, e non precisamente pola pericia dos bombeiros, que malia a súa actuación, morreron 53 persoas.

O curioso non é este caso, senón que outros edificios aínda máis grandes si caeron e non foron pasto dun incendio masivo como neste caso; refírome claro está ás Twin Towers (Torres Xemelgas) e ao edificio número 7 que tamén formaba parte da urbanización do World Trade Center, que non se viu afectado por ningún impacto de avión, e que sen embargo correu idéntica sorte cas dúas torres xemelgas.

21/11/10

Zara Home, go home!

E-commerce Ireland Limited, que realiza su actividad comercial como ZARA HOME, es una compañía irlandesa registrada con el número de empresa 432265 y cuya dirección registrada es Fitzwilton House, Wilton Place, Dublín 2, Irlanda. Nuestro CIF es DE 814867634.
Pois xa vedes o que dan de si as empresas transnacionalizadas, que se sitúan alí onde se pagan menos impostos, como por exemplo Irlanda. As tendas on line de Zara non son unha excepción, centos de empresas, sobre todo do ámbito tecnolóxico (Google, Microsoft, ...) situaron neste país o seu campo de operacións en Europa por mor das súas vantaxes fiscais. As transnacionais seguro que lle sacaron moito partido a este pseudo-paraíso fiscal, pero Irlanda xa é pasto do FMI e do BCE. En resumidas contas que o Tigre Celta era un simple gatiño.

Por outra banda, que ben nos viñan a nós os galegos eses impostos que pagan en Irlanda, non?

18/11/10

Así falaba Trinidad Jiménez en 2003 sobre o Sáhara

Así empezou todo...

17/11/10

Facha desatado


Non hai moitos días un tertuliano dunha cadea privada de extrema dereita insultaba gravemente a unha muller, que era conselleira da Generalitat Catalana. O do tertuliano do vídeo de hoxe, aínda é máis grave, porque fixo unhs comentarios machistas e xenófobos diante de menores de idade. O orgullo facha que anda desatado sen complexos de ningún tipo.

E o que son as cousas: Isabel Sansebastián, a condutora e presentadora do programa que lle ri as "gracias" a este machista empedernido, dicía hai poucas semanas que "el poder ha perdido el sentido del honor" que "ha contribuido a la "crisis moral de nuestra época", agora di que pasa do tema, que hai cousas máis importantes. Sen comentarios...

16/11/10

Eran outros tempos

En 2003 Trinidad Jiménez non tiña reparo en manifestarse e mesmo lucir unha pegatina co lema “Sahara Libre”; eran outros tempos, daquela era candidata e o PSOE non gobernaba. Hoxe a cousa cambiou notabelmente: o PSOE goberna e ela é Ministra de Exteriores.

Son as licenzas que se pode permitir o PSOE, facer unha cousa cando é oposición e a contraria cando goberna, sen que iso lles traía moitos custes electorais.

Ao dereito unha cousa, ao revés a contraria

15/11/10

O que puido ser e non foi...


Discurso pronunciado por Salvador Allende no México de 1972. Hoxe a mensaxe deste discurso segue máis vixente ca nunca.

13/11/10

Carta aberta a R e Caixa Nova

A R

Acabo de enterarme que R, a única empresa galega de telecomunicacións xa non é maioritariamente galega, como o era ata agora, e que foi o motivo principal polo que me fixen cliente de R.

Estou francamente desolado e enfadado pola decisión que tomou Caixa Nova, de quen non son cliente, precisamente, por cousas coma esta.

De momento teño contrato de permanencia con R por determinados servizos adquiridos, pero podo asegurarvos de que en canto expiren estas obrigas contractuais deixarei de ser cliente de R.

Pensei, -inxenuo-, que R era diferente, que era galega, pero trabuqueime, é como todas as grandes empresas, só miran o peto dos seus accionistas no canto dos intereses de todos os galegos e galegas, e de Galiza.

Un saúdo.

Nota: Se estás cabreado coma min envíalles unha mensaxe.

A Caixa nova

Non son cliente de Caixa Nova, e moito teredes que cambiar para que eu abra unha conta en calquera das vosas sucursais.

Decisións como as tomadas onte, nas que R deixa de ser unha empresa galega desmotiva a calquera galego ou galega que lle queira a Galiza para facerse cliente dunha caixa que vive de costas -e a costa- do País.

Defendín e defendo a fusión das caixas galegas, agardando que esta sexa para beneficio de todos os galegos e galegas. Mais teño o presentemento de que todo seguirá sendo igual que até agora logo da fusión. Con todo, non deixarei de loitar para haxa outra forma de gobernar pensando no País, incluso dentro da nova caixa.

Con decisións como a tomada onte por Caixa Nova, vendendo R a unha empresa que só mira o corto prazo, pensando nos seus dividendos, seguirei sen ser cliente de Caixa Nova e da nova Caixa saída da fusión. Por certo, si son cliente de R, e un dos motivos polo que mudei todos os meus teléfonos a esta empresa, foi por ser 100% galega.

Caixas e bancos hai a montóns onde elixir, vostedes deciden se queren ser do montón ou ser galegos.

Un saúdo.

Se estás cabrado coma min, enviálles unha mensaxe.

12/11/10

Os novos pobres

A situación económica, malia a que algúns din que xa pasou o peor, está tendo consecuencias terríbeis na clase traballadora, e moito me temo que isto vai para peor. Hoxe sae en La Vanguardia unha noticia dun traballador en paro que se colgou en plena vía pública ante a desesperación de ver a súa familia na rúa, ante a pasividade das administracións públicas, que, logo sí, ao ver as fatais consecuencias si se achegaron rapidamente para o que fixera falta. Xa era tarde, o home, desesperado, xa morrera, deixando muller e fillo.

Segundo se desprende do artigo, este home traballaba até hai dous anos, pero o subsidio que percibía, logo de rematada a prestación por desemprego, era claramente insuficiente para pagar o aluguer do piso.

O caso deste home seguro que non será o único que vexamos nos próximos meses, xa que, así como se vaia esgotando a prestación por desemprego, e ante as perspectivas negativas que se albiscan para o futuro, a aparición nas cidades de homes e mulleres, que non hai moitos meses tiñan para comer e vivir dignamente -seguramente o xusto-, vense agora excluídos da sociedade na que vivía comodamente, o cal pode ter consecuencias terríbeis desde todos os puntos de vista.

Paradoxicamente, e se fixeramos unha comparación entre o home este o sector financeiro, mentres o Estado, as administracións en xeral, abandonan á súa sorte ao ser humano, ás persoas, toda axuda é pouca para salvar á banca, que segue apertando, e poñendo contra as cordas ao Estado que lles salvou o cu (perdoade a expresión!).

A ver en que remata todo isto...

11/11/10

Sen pelos na lingua...

Impresionante documento gráfico. Nunha tertulia de Intereconomía insulta gravemente a unha Conselleira da Generalitat Catalana. O triste, o penoso, é que o condutor do programa non só non o freou no primeiro insulto, senón que reulle as "gracias". Por algo no miro a televisión.

08/11/10

Sahara libre!!

Fronte a barbarie e a indiferencia da "comunidade internacional" que mira para outro lado, Sahara libre!!

07/11/10

Papa fiasco

A visita do Papa foi un fiasco. Xa se prevía o venres, cando a Radio Galega dicía que os hoteis e hostais aínda lles restaba un 30% para colgar o cartel de cheo. A TVG coidouse moito de non ofrecer imaxes comprometidas, sobre todo aéreas, e as poucas que se saíron do guión da censura, ofrecían unha imaxe que non se correspondía co anunciado previamente. Que llo digan senón aos hostaleiros e comerciantes que tiñan pensado facer o agosto en novembro e a media tarde, moitos pecharon, pola falta de clientela; así o informa un xornal nada sospeitoso, todo hai que dicilo.

En resumidas contas, que a Xunta gastou 3.000.000 € nunha visita, que se dixo que ía ser economicamente moi rendíbel, pero os feitos indican todo o contrario. Calquera manifestación do BNG ou de Queremos Galego ten máis xente que a que veu a Santiago a ver a un Papa, símbolo dunha Igrexa acorada na idade media, que perde adeptos a mans cheas todos os días.

06/11/10

Un artista comprometido di NON

Estimada señora González-Sinde,


Agradezco mucho a los profesionales del arte que me recordasen y evaluasen en el modo en que lo han hecho. No obstante, y según mi opinión, los premios se conceden a quien ha realizado un servicio, como por ejemplo a un empleado del mes.

Es mi deseo manifestar en este momento que el arte me ha otorgado una libertad a la que no estoy dispuesto a renunciar. Consecuentemente, mi sentido común me obliga a rechazar este premio. Este premio instrumentaliza en beneficio del estado el prestigio del premiado. Un estado que pide a gritos legitimación ante un desacato sobre el mandato de trabajar por el bien común sin importar qué partido ocupe el puesto. Un estado que participa en guerras dementes alineado con un imperio criminal. Un estado que dona alegremente el dinero común a la banca. Un estado empeñado en el desmontaje del estado de bienestar en beneficio de una minoría internacional y local.

El estado no somos todos. El estado son ustedes y sus amigos. Por lo tanto, no me cuenten entre ellos, pues yo soy un artista serio. No señores, No, Global Tour.


¡Salud y libertad!


Santiago Sierra

05/11/10

Un Papa caído do ceo.... en papa-grúa

A cidade de Santiago estase acicalando para esta ocasión tan “especial”. Onde antes había unha fochanca agora xa non hai, onde antes había un adoquín mal asentado, agora está perfectamente instalado; onde antes había unha baranda oxidada, agora reloce como se fora ouro. Non hai mal que por ben non veña...

E dentro destes arranxos e preparación da cidade da para tan “insigne visita” tamén inclúe a instalación dalgunha estatua para recordar a visita do Bieito XVI, como a que se pode ver na imaxe.

Mais alguén pesou que esta foto era irreverente, e foi fulminada do blog no que residía inicialmente, o que ten Nacho Mirás en La Voz de Galicia. Á persoa que censurou a foto poderá considerala pouco procedente, pero só é unha estatua. Desde logo se se tratara de execucións por aforcamento en algún país árabe, non terían o mesmo recato, tratándose ademais de persoas.

Alén disto, veño de oír na Radio Galega que os hostaleiros de Santiago de Compostela aínda lles falta un 20 ou 30% para colgar colgar o cartel de cheo. O tirón económico que se lle atribuía inicialmente ao Papa queda así en entredito.

Txema, gracias pola foto.

04/11/10

ERE en POVISA

Povisa presentará un ERE que afectará a 1.200 traballadores deste hospital privado, que mantén un concerto coa sanidade pública. Precisamente o problema desta empresa vén pola falta de acordo coa Xunta na negociación deste concerto.

Perderanse 1.200 postos de traballo que, por mor dos recortes sociais da Xunta de Galiza nos servizos públicos, estes traballadores e traballadoras non van ser absorbidos no servizo público sanitario galego.

A maiores, estes recortes da Xunta de Galiza no servizo público sanitraio, e nun contexto de crise tan brutal coma a que estamos a vivir, engade aínda mais dramatismo ao asunto xa que suporá unha importante merma no servizo sanitario que van a sufrir moitos cidadáns de Vigo e comarca.

Brochetas de Papa

Moi bo!, visto en...

03/11/10

Malas noticias...

A primeira: 7.779 galegos e galegas anotáronse no paro durante o mes de outubro, e xa suman 223.894 persoas que non teñen traballo.

A segunda: cae a matriculación de vehículos, un 50,77% a respecto de 2009.

A terceira: Rusia deixará de comprar débeda soberana española e irlandesa para minimizar riscos, o que podería ter un efecto contaxio.

Está claro que a cousa non pinta nada ben, sen embargo o goberno central está optimista, ve datos positivos e augura un cambio de tendencia.

Non desesperedes, o sábado ven o Papa que cunhas bendicións aquí e acolá xa o arranxa todo.

02/11/10

Doble moral

A estas alturas xa saberedes que a empresa que imprimía revista “Retranca”, secuestrou o último número desta revista porque non se “consideraban a gusto” con esta publicación. Sen embargo esta mesma empresa imprime outra revista cuxa portada podedes ver ao lado da de “Retranca”, que resútalles menos ofensiva, será porque sae unha muller vestida de monxa. É dicir, ademais de pouco sentido do humor, son machistas, e practican unha doble moral moi característica dos sectores máis conservadores; mentres fan manifestacións a favor da familia como institución “sagrada” e os seus valores, son os primeiros en divorciarse e en ter relacións extramatrimoniais. En resumidas contas, son como aquel que presumía dunha ética intachábel, e logo foi cazado conducindo bébedo.

Capricho da natureza


Ver mapa máis grande