Reflexións galegas e en galego

31/08/10

Aquí hai unha falta... de ortografía

Se circulades pola variante da N-640 en Vilagarcía poderedes ver estes simpáticos carteis de advertencia. Xa non é cuestión de que non estean tamén en galego, xa que se trata dunha obra pública que tamén pagamos cos nosos cartos -os dos galegos e galegas-, pero unha obra multimillonaria coma esta, feita polo Ministerio de Fomento, e serve para desconxestionar o tráfico de Vilagarcía de Arousa, non pode colgar un cartel con faltas de ortografía.

Está claro que o problema da educación en Galiza non se soluciona con Decretos do Plurilingüismo. Verdade?

28/08/10

O “cariño” dos afgáns cas tropas españolas


Aínda que temos que tratar coa prudencia debida as seguintes imaxes que podedes ver no vídeo, en principio trátase de centos de afgáns que, armados só con pedras e ao grito de “Allahu akbar” (Alá é grande), atacan ás tropas españolas asentadas na provincia de Badghis.

Se as imaxes poden parecer confusas e pouco claras, temos as declaracións dun afgán, saíron hai uns días nun programa da TVE2 que testificaba que a vida dos afgáns cambiou para peor desde a invasión.

Está claro que á luz das imaxes non só se trata dun puñado de talibáns que loitan contra a ocupación; é a meirande parte da poboación a que non quere as tropas estranxeiras no seu territorio.

Estas imaxes contrastan coa idílica visión que nos dan os mandos, tanto políticos como militares, da estadía do exército español en Afganistán, que tratan de xustificar unha permanencia que non é querida pola poboación afgá, e que só serve para facilitar o traballo ao exército do imperio, que desde logo non invadiron este país para liberar ás mulleres afgás, nin para levar a democracia a un pobo que durante séculos resistiu todo tipo de invasións.

27/08/10

Rosalía sempre viva!

A Deputación de A Coruña e a Fundación Manuel María puxeron en marcha unha exposición itinerante sobre Rosalía de Castro, baixo o título "Rosalía sempre viva!". A exposición percorerá os concellos de Fisterra, Melide, Arteixo, A Coruña, entre outros.

Neste ano, que se cumpren os 125 anos da morte da nosa poeta nacional, é de agradecer que a área de Igualdade da Deputación da Coruña, dirixida polos nacionalistas do BNG, se implicara no proxecto de divulgar a obra desta nosa escritora universal. Malia todo, criticar o pasotismo do Goberno Galego da Xunta de Galiza, que unha vez máis, inhíbese na defensa e promoción dun dos nosos valores culturais máis importantes como é Rosalía de Castro.

26/08/10

Os medios manipulan outra vez o discurso do BNG

Non é a primeira nin será a última vez que pase que os medios de comunicación galegos manipulen calquera cousa que faga ou deixe de facer o BNG. Segundo os medios de comunicación o BNG abstívose na Comisión de Traballo do Senado na votación da Reforma Laboral, cousa imposíbel, xa que o BNG non ten representación nesa Comisión.

A cousa non só é grave, é gravísima, xa que o BNG ten explicitado en múltiples ocasións o seus posicionamento en contra de calquera reforma laboral que vulnere e rebaixe os dereitos dos traballadores e traballadoras. E non só iso, senón que o BNG presentou unha emenda á totalidade da lei que se tramita nas cortes do Estado.

Só desde o odio que lle teñen a unha forza nacionalista e de esquerdas como o BNG se explica unha manipulación tan vil, o que demostra que o poder non tolera que ninguén discrepe do discurso dominante.

Unha guerra inmoral

Vai para 9 anos que Estados Unidos tirou a primeira bomba en Afganistán, e desde o 7 de outubro de 2001 aí segue, buscando a Ben Laden. Miles de mortos despois, 17 deles galegos enrolados no exército español, e destacados alí polo Goberno Español de turno; quen sabe cantos miles de afganos mortos; e despois de miles de toneladas de bombas tiradas, unhas intelixentes outras non tanto, Estados Unidos e os seus aliados aínda teiman en seguir en Afganistán, e cando xa se lles esgotan os argumentos para xustificar a presenza militar neste país asiático, o imperio recorre á revista Time, que saca na súa última portada a unha moza afgana mutilada vilmente por algún home, e cun titular que di “Que pasaría se nos vamos de Afganistán”, para, através da solidariedade e o repudio que provoca a violencia contra a muller na sociedade occidental, atopar adeptos á campaña bélica.

Como dixen, a Ben Laden aínda non o atoparon, e a liberación da muller afgá dubido moito que se poida facer a cañonazos; mais o que si está claro é que nos últimos meses en Afganistán, á marxe da súa situación estratéxica, e grazas aos bombardeos, están aflorando minas e explotacións petrolíferas, que hai 9 anos ninguén diría que se podería atopar algo semellante neste país.

A parte está o negocio da venda de armas: montamos unha guerra e vendémoslles armas para que poida pelexar. Negocio redondo para os señores da guerra, que non viven en ningunha cova ou tenda de campaña, viven no corazón do imperio, como Blackwater, unha empresa de seguridade privada -é dicir, mercenarios-, que pagaron unha multa de 33 millóns de euros ao goberno americano, por venderlle armas a Afganistán. Está claro que se pagaron a multa é porque gañaron moitísimo máis.

Como di o título deste post a guerra de Afganistán é unha guerra inmoral, aínda que inmorais o son todas, se excepción.

25/08/10

Galiza é un suceso

O verán, nos medios de comunicación fai estragos. Non só porque a platilla se reduce ao mínimo, senón polo contidos zafios e amarillistas que proliferan nestas datas.

Xa hai uns días que o veño observando, e hoxe deuseme por contar e analizar as noticias que saen na seccións "Galicia" de La Voz de Galicia. Das 18 noticias que saen na sección mencionada, 11 son de sucesos: desaparicións, decomiso de drogas, atropelos, asaltos, ... ilustran unha sección, que dan unha imaxe do noso país bastante lamentábel. Non digo que estas noticias non teña que saír, todo o contrario, xa que algunhas teñen utilidade pública, pero digo eu que terían que crear unha sección acaída para inserir este tipo de noticias.

21/08/10

Tradicións...


Por certo, o anuncio foi censurado na TV portuguesa, e nunca se chegou a emitir.

20/08/10

A palla no ollo alleo

Venezuela sempre é noticia, desta volta pola suposta censura de imaxes violentas. Un tribunal venezolano prohibiu a publicación de calquera tipo de imaxe violenta nos xornais. A imaxe que suscitou a decisión dos tribunais é a que podedes ver ao lado: una morea de cadáveres nunha morgue.

Os medios de comunicación españois subíronse unha vez máis ao anti-chavismo que os caracteriza esquecendo que non hai moitos anos, 3 persoas foron detidas por difundir imaxes do 11-M. Isto tamén será censura?

18/08/10

Incendios

Uns amigos e seguidores deste blog (gracias! Txema e Belén) pasáronme dúas ligazóns moi interesantes dos incendios acontencidos no que vai de 2010, tendo como fonte de datos son estritamente oficiais e de medios de comunicación. Como podedes ver a visión do mapa é ao mesmo tempo que espectacular, bastante triste e desoladora.


Ver Incendios Forestais - Incendios Forestales - Galicia 2010 nun mapa máis grande

Se queredes ver o mapa en grande clicade aquí. A continuación tamén tedes o de 2009, que contrasta co de 2010, sobre todo porque o ano pasado tivemos un verán pasado por auga.

Tamén vos deixo unha ligazón onde poderedes ollar os incencios hai en tempo real a nivel mundial. Un dato: a maior parte dos incendios prodúcense en África.

16/08/10

S.O.S.

Arde en Teo! Seguramente no monte de Lucí As lapas son de tal dimensión que se ven desde varios quilómetros. Desde esa distancia tampouco se aprecian avións nin helicóteros de extinción. Pode haber brigadas, mais este lume só se apaga con medios aéreos.

Actualización 17:39: arestora o incendio está máis ou menos controlado; hai un helicóptero en laboruas de extinción.

E este o incencio de Boiro:



Unha vez máis, ficamos sós, 
o lume e máis nós!

13/08/10

Lume? Quen dixo lume?

Para a Xunta de Galiza non había lumes até onte que morreron dous operarios en labouras de extinción. As columnas de fume que se vían ao lonxe, ou as nubes castañas que se vían no ceu non eran do lume galego, eran do ruso ou do portugués; neste último país, segundo informaba onte a TVG, ardía máis que na Galiza e era moito máis perigoso.

O PP e o presidente da Xunta optaron por negar o evidente, e aínda que cheiraba a queimado, se non sae nos medios, que colaboran gustosamente, nada existe.

10/08/10

Palabra de afgán

Vino hoxe en Facebook e non me puiden resistir a buscalo e traervos o fragmento en cuestión. Onte no programa da TVE2, Acción Directa, facían unha reportaxe sobre cooperantes e as súas peripecias en distintos países, entre eles Afganistán. A cooperante neste último país fai unha entrevista a un afgán, que traballou na embaixada española; aparte de falar da corrupción xeralizada no país, conta que a situación de Afganistán foi a peor desde a intervención das tropas estranxeiras, entre elas a española.

Como podedes ver, o afgán entrevistado non é ningún talibán, nin debe formar parte de ningunha milicia anti-ocupación, pero fala moi clariño da situación do seu país, que para nada coincide coa leria que nos contan para seguir mantendo unhas tropas nun país invadido e en guerra desde hai 9 anos.

09/08/10

A España paleta

Na última semana os medios de comunicación seguen minuto a minuto as evolucións da Sra. Obama e a súa filla por distintas vilas do Mediterráneo español. Sabemos que estivo en Marbella, en Granada, en Mallorca, ... que comeron xeados, que foron de compras, e até hai fotos dos primeiros chapuzóns de filla do Presidente Obama e dos centos de persoas que presenciaron, como se dun acontecemento estraño se tratara.

Esta é a España paleta e acomplexada, que disfruta cas migallas que lle tira o César.

Por certo, a foto saqueina do blog de Escolar.

07/08/10

Informacións parciais

Sabemos polos medios de comunicación que hai un conflito entre os contraladores aéreos e AENA, o ente público que lles paga. Sabemos tamén polos mesmos medios dos problemas que conlevaría a anunciada folga de controladores, sobre todo para o sector turístico do Estado Español.

Polos mesmos medios sabemos tamén que os traballadores de AutoRes, unha empresa de autobuses, están en folga, e tamén nos informaron dos problemas que sufriron os usuarios deste servizo de transporte.

Esta é toda a información que nos dan sobre estes conflitos laborais, e nada se nos di das demandas dos traballadores. Unha maneira moi sutil de estigmatizar as lexítimas demandas laborais de calquera grupo de traballadores.