Reflexións galegas e en galego

31/05/10

Outra vez Israel

E Israel volve a armala sen que a comunidade internacional mova un só dedo, e o asasinato de 14 ou 16 persoas pacíficas e desarmadas, segundo os medios, non teña máis repercusión que a petición de explicacións, non vaia ser que o “primo de Zumosol” se moleste.

28/05/10

Aínda con maioría, si que pasou

27/05/10

Hai doce meses...

Como cambia o conto en 12 meses. O 13 de maio, Zapatero dicía: "Los trabajadores no son los causantes ni los que sufran las consecuencias más graves de la situación económica". Do dito ao feito, haiche un bo treito.

Perdidos

Perdidos (Lost) é a serie de moda, aínda que eu, teño que recoñecer, que non vin nin un triste episodio, e polo tanto non sei de que vai. Pero aproveito o título “Perdidos” para reflectir cal é o estado actual do Goberno Central e do PSOE.

Este partido político, que se di de esquerdas, ven de aprobar en solitario un axuste económico anti-social, e nas antípodas do que aprobaría un partido que presume ser desta tendencia ideolóxica. Redución e conxelación de soldos aos funcionarios, conxelación de pensións, conxelación dos investimentos, eliminación do “cheque bebé” e da dedución por nacemento no IRPF,... etc, estas son as receitas do PSOE para salvar a crise ditadas polo FMI, a UE e Obama. Unhas receitas que non sandarán a economía do estado español, todo o contrario, entrará en barrena, e non hai que ser moi listo para ver que nos próximos meses se incrementará o paro notabelmente, e veremos se non chegamos aos 5.000.000 de parados.

O PSOE está “perdido”. Perdidos non só polos bandazos que dan -un día sacan unha medida e ás poucas horas rectifican-, senón porque están encadeados ás directrices dunha Unión Europea, que, agora si, se ve que é letal para os intereses do Estado Español. Sinceramente, só nos queda unha saída: botar fóra do euro, e non o digo eu, o di Paul Krugman, Premio Nóbel de Economía.

24/05/10

Epílogo

A tecnoloxía actual é quen de perforar un pozo de petróleo a miles de metros de profundidade, pero calquera mínimo problema convértese nunha catástrofe de difícil solución. Isto é o que está ocorrendo co pozo de petróleo que a transnacional BP tiña no Golfo de México, que estourou e se afundiu o 20 de abril, segando a vida dunha 11 persoas que traballaban na plataforma. Este accidente, ademais dos custes humanos, irreparábeis, tamén está a ter gravísimas consecuencias medio ambientais, xa que desde aquel día millóns de litros de petróleo vérquense sen control ás augas do Golfo, e ameaza con convertelo nunha auténtica cloaca, cuxas consecuencias deixarán de ser locais para converterse en planetarias, xa que os intentos para tapar o burato polo que sae o hidrocarburo resultaron ser todos infrutuosos.

As hipotecas subprime tamén foron un invento local que por arte da enxeñería financeira propagáronse letalmente e sen control polo mundo adiante, xerando unha crise económica que ameza o benestar de millóns de persoas. O líquido que foi o motor do capitalismo, cuxa combustión é a culpábel do quencemento global, ameza tamén con expandirse por espazos vitais do noso planeta, cuxas consecuencias non tardaremos en apreciar. A tecnoloxía ao servizo dos beneficios económicos, non das persoas.

Efectivamente, esta non é unha crise económica calquera, estamos a escribir o epílogo do capitalismo.

21/05/10

Decretazos

Onte foi un día grande para a democracia galega e a española. En Galiza Feijoo, do PP, consumou a maior agresión á lingua desde que temos Estatuto de Autonomía. E en España, Zapatero, do PSOE, malia a presumir de ser un partido de esquerdas e progresista, aprobou un paquete de medidas de cara a reducir o déficit público que carga sobre as clase traballadoras e as clases máis desfavorecidas o custe da crise, medidas, que non só non arranxarán a crise, senón a afondarán aínda máis se cabe.

Dous partidos e unha mesma forma de gobernar: en contra dos cidadáns.

17/05/10

Na Galiza en Galego!!

Coido que esta foto do anuncio dun balado publicitario pagados con fondos públicos da Xunta de Galiza ilustra de xeito moi preciso cara onde nos encamiña o PP coa súa política xenocida do Galego. Hoxe, Día das Letras Galegas, a berrar máis alto que nunca na Praza do Obradoiro: Na Galiza, en Galego!!
Gracias Txema por enviarme a foto!!

14/05/10

O 17 de maio temos que encher o Obradoiro

13/05/10

Vergoñento

Despois do "desliz" de Maria Escario, xornalista deportiva da cadea pública TVE, no día do orgullo facha, pensei que xa non me quedaba máis por ver. Pois equivoqueime. Outro xornalista deportivo, desta volta da cadea "progre" Cuatro, mófase en directo dun home que pide esmola na rúa. Ao mellor é que para ser xornalista deportivo tes que ser un pouco... inhumano, non sei...

Abel Caballero contra si mesmo

Pois si que dixo si

12/05/10

Tirón de orellas de Obama e ZP obedece

Disque Obama telefoneou a Zapatero para urxirlle as medidas de axuste necesarias para que España reduza o déficit público. A chamada non deixa de ser unha broma pesada vindo do maior debedor do mundo que é Estados Unidos, cunha débeda estratosférica, que se multiplicou por infinito nos últimos 30 anos. Segundo datos do FMI, a débeda ianqui supón o 45% da débeda soberana mundial, o que sen dúbida é a orixe dos males que azoutan ao mundo enteiro.

Un país como Estados Unidos que ten unha débeda de 13 billóns de dólares, non só é un perigo para a economía mundial, senón que non é quen de dar leccións a ninguén. Isto é o que lle debería dicir Zapatero, pero este limitarse a facerlle unha reverencia e “si, buana”, o que ti digas!

España=Grecia

España non será Grecia, pero vai camiño de selo. Zapatero acaba de anunciar que as súas medidas anti-crise son: rebaixar o soldo dos funcionarios un 5% e conxelarlles o soldo, suspender a revalorización das pensións, eliminar o cheque bebe (2.500 euros) e reducir en 6.000 millóns de euros a inversión pública.

Estas, entre outras, son as medidas anti-crise dun goberno que presume ser de esquerdas. Unha baixada de pantalóns en toda regra ao sector financeiro internacional.

Folga xeral xa!!

Que nome lle poñemos á nova caixa?

Xa sei que non vai ter incidencia algunha, pero durante os últimos dous meses estiven recopilando as suxestións que fostes aportando para darlle nome á nova entidade. Estes son os nomes:
  • Galiza Nova
  • Caixa Nacional da Galiza
  • Caixa Galicia
  • Caixa Galiza
  • Caixa Galega
  • Nova Caixagalicia

Vota o teu nome preferido!!

Habemus fusión

Levamos case un ano a voltas co tema da fusión. Houbo posturas claras e decididas, a do BNG e o PP; houbo, dúbidas, cambios de sentido e mesmo manifestacións en contra, a do PSOE; houbo declaracións de todo tipo, mesmo alcaldes que dixeron que se había fusión non se presentarían ás eleccións, caso de Abel Caballero. Mais finalmente conseguimos a fusión, aínda que sexa coas vellas glorias, que xa vai sendo hora de que se retiren.

Agora cómpre que esta caixa se poña a traballar polo país, e non a facer investimentos en Cuenca que para nada interesa a Galiza, que era o que viñan facendo até agora. Agora cómpre protexer a única ferramenta que queda de intervención pública na economía, algo vital para un país como Galiza. Nos próximos meses decidiranse cuestións importantes que afectan ás Caixas de Aforro, xa que PP e PSOE están de acordo en modificar a LORCA contemplando unha posíbel a privatización das caixas. Teremos que estar atentos e belixerantes fronte a calquera agresión que sufra o noso sector financeiro.

09/05/10

Manipulación e medios de comunicación

08/05/10

Carlos Príncipe tira da manta (2ª Parte)

Unha vez máis Carlos Príncipe, na Radio Galega, carga contra os xestores das caixas de aforro, nomeadamente de Caixa Nova, algo que xa fixera hai dous meses.

Créditos preferentes aos seus directivos, investimentos de dubidosa rendibilidade e de escaso ou nulo interese para os galegos e galegas, etc, estes son argumentos que esgrime Príncipe para defender sen titubeos un cambio xeracional nas dúas caixas, avogando pola fusión e tendo como marco lexislativo a lei de caixas que votaron BNG e PP no Parlamento Galego.

Na súa intervención tamén carga, ademais de contra Pachi Vázquez e contra Abel Caballero polo seu posicionamento contra a fusión das caixas, nomeadamente este último, que presentou unha moción que se debaterá no Pleno do Concello de Vigo, onde se define con nomes e apelidos o nome dos presidente, oboviamente Julio Fernández Gayoso, onde estarán as sedes, etc, un esperpento que non teno nome.

07/05/10

Capitalismo en todas partes



Nesta aldea de Zambia non teñen luz, nin auga corrente, nin teléfono, e a maioría da xente está descalza, e se cadra tamén dificultades para comer diariamente; agora que, se pertences ao primeiro mundo e tes algo que enviar, non te preocupes, DHL está a túa disposición.

Visto aquí.

Terminator financeiro

Las máquinas se apoderan de Wall Street y provocan el pánico en el mercado

Así titula El País o caos que se viviu onte na bolsa de New York, que nun momento dado chegou a caer un 9% quedando posteriormente en case un 4%.

Se o mercado bursátil é tan oscuro como complexo para o común do mortais, agora temos que engadirlle un elemento máis para facer máis opaco este mercado que está poñendo de xeonllos ao mundo enteiro: o informático.

Na película Terminator as máquinas apoderábanse do mundo. Segundo El País, as máquinas xa se están apoderando do mundo, e empezaron por Wall Street, atacando coas súas incruentas bombas a países enteiros. Por desgraza non é broma, é moi real, xa que hai super-ordenadores que executan automaticamente operacións financeiras nun mercado no que a única lei que impera é a da selva.

06/05/10

Spain default

O termo "Spain default" quere dicir que España está en quebra. O curioso é que se se busca este termo no Google a primeira opción que dá é a páxina oficial da Moncloa. A explicación desta casualidade na seguinte ligazón. Quédome ca explicación técnica. Zapatero non gaña para disgustos!

Isto arranxámolo sen PSOE e PP

O encontro entre Zapatero e Rajoy que mantiveron onte na Moncloa abre unha serie nubarróns sobre as competencias das comunidades autónomas en materia financeira. Tanto o PP como o PSOE queren reducir a representación política de concellos e autonomías nos consellos de administración das caixas, e incrementar paralelamente a privatización caixas a través das cotas de participación de que non poderán superar o 50%. É dicir, que serán os bancos e todas aquelas persoas e institucións que controlan o sector financeiro no Estado Español os que se repartirían a torta multimillonaria das caixas de aforro. En resumidas contas, e se esta reforma se leva a cabo nos termos anunciados, o PSOE e o PP porán os beneficios das caixas en mans privadas, no canto de investilas no sector produtivo e en obra social, que é até o de agora a obriga das Caixas.

O obxectivo é eliminar dunha vez por todas todo rastro público do sector financeiro e baleirar de competencias as comunicades autónomas, único xeito de alcanzar ese ideal mesetario dunha España “una, grande y libre”. Evidentemente non o din coa boca grande, fano coa boca pequena, dando pasos cara ese obxectivo, que non é outro que eliminar as autonomías. Os que si falan alto e claro son os da campaña “estosololoarreglamossinlasautonomias.org”, que culpan de crise ás comunidades autónomas e o xeito de arranxala é liquidando estas.

Fotos das manifestacións de Grecia

Non busquedes máis. Das manifestacións que houbo onte en Grecia só atoparedes nos medios españois fotos dos disturbios, e enfatizando a morte de tres persoas. Por nada do mundo veredes as fotos de xente manifestándose pacificamente que son a inmensa maioría, non vaia ser que imitemos aos gregos. E o faremos, por suposto.
Mais aquí tedes unha pequena mostra de fotos sen disturbios.

04/05/10

Maraña global

O gráfico que ollades publicouno hai uns días o New York Times e amosa as débedas que contraeron entre si varios dos países máis endebedados da Unión Europea. Como vedes a maraña é incríbel

A ver... non é que Zapatero prestara a Irlanda ou Portugal varios miles de millóns de euros do Tesouro Español; Non!! isto non vai así. Este gráfico reflicte os miles de millóns de euros que deben eses estados ao sector financeiro deses ou doutros países europeos. De aí que que como dixen onte, a Unión Europea non está salvando a Grecia tirándolle un salvavidas de 110.000 millóns de euros, non!, están salvando ao sector financeiro do Reino Unido, Francia e Alemaña, que son, á súa vez, os principais tenedores de débeda do estado español, o cal explica, en parte, por que son os países que máis se benefician na negociacións da Unión Europea.

Algún incauto pensa que se pode devolver unha débeda de 1.400.000 millons de dólares?, por citar o caso Italino e non centrarme en exclusiva no español. Coido que non!

Isto é o que deu de si a economía globalizada: a especulación a escala planetaria. Grecia é o primeiro naipe en caer do castelo, detrás irá o resto, e arrastrados por eles os dereitos dos traballadores e traballadores e todos os servizos públicos de protección social.

03/05/10

O problema non está en Grecia

A Unión Europea e o FMI salvarán a Grecia cun total de 110.000 millóns de euros para facer fronte aos pagos da débeda. Mais esta axuda non será gratis, será cun xuro do 5% o cal non é ningunha ganga. En cambio o Banco Central Europeo hai un ano inxectaba no sector financeiro miles de millóns de euros a un prezo case tirado.

Está claro entón que o problema non é Grecia, é o sector financeiro, que necesita cartos como o aire para seguir especulando e endebedándose indefinidamente, e se teñen que afogar a alguén non terán escrúpulos en facelo.