
Teño na miña casa gardados como se fora ouro varias publicacións de A Nosa Terra adicadas a varios dos referentes do nacionalismo galego. Teño o “Castelao e Bóveda, Irmáns!!”, o especial de Carbalho Calero, Seoane, Eduardo Pondal, Eduardo Blanco Amor... entre outras publicacións desta editorial. Todas elas servíronme para formarme como nacionalista, nun contexto dominado por publicacións e medios de comunicación furibundamente anti-nacionalistas ou españolistas.
Por iso vexo con profunda preocupación a deriva editorial deste xornal, o A Nosa Terra, que naceu sendo o voceiro do Partido Galeguista. Certo é que o este partido hai moitos anos que non existe como tal, mais este xornal e a súa editorial foron levantados cos esforzos económicos e persoais de moitos nacionalistas, entre eles eu, que estiven subscrito durante moitos anos ao seu xornal semanal, e soportaba estoicamente que me cobraran antes de enviarme algúns dos libros que publicaban.
Non é a primeira vez que adico un post a esta cuestión, mais desta volta quixeran afondar nela, xa que é unha mágoa que un xornal que foi o voceiro do nacionalismo galego, tornouse agora no voceiro do españolismo, en concreto do PSOE, e aos feitos me remito.
Das 22 noticias de actualidade que había en portada hoxe pola mañá, 16 refírense directa ou indirectamente aos tres partidos con representación parlamentar (PP, PSOE e BNG). Destas 16, 7 (43,75%) refírense ao PP ou Xunta de Galiza, 7 (43,75%) ao PSOE e 2 (12,5%) ao BNG. Se o comparamos cos resultados das eleccións galegas de 2009 vemos que ao PP quítalle un 3,34%, ao PSOE dálle un 14,42% e ao BNG quítalle tamén un 4,07% das noticias. Está claro pois que sae gañando se o comparamos co representación no Parlamento Galego: o PSOE.
Os datos anteriormente expostos son irrefutábeis, A Nosa Terra pasou de ser o voceiro do nacionalismo galego a ser o voceiro do PSOE, concretamente da sucursal galega.