Esta semana os sectores máis conservadores de España insultaron gravemente aos galegos e galegas. Primeiro foi Rosa Díez, agora é o Director do xornal monárquico-conservador ABC o que utiliza despectivamente o termo "gallegada" para criticar ao Ministro de Traballo, Celestino Corbacho, por non responderlle acaidamente a unha pregunta, que, sendo como el medio estremeño e medio catalán, agardaba unha pregunta máis precisa e concreta.
Mais a semana gloriosa de agravios da España cañí non se cingue exclusivamente a estes cualificativos negativos da idiosincrasia galega, senón que esta semana puidemos ver como un segundo do Ministro de Presidencia, o Señor Zarrías, propúxolle ao goberno galego copiar literalmente a lei de caixas andaluza para saldar o conflito político entre o Goberno Central e o Parlamento de Galiza, como se este último fora incapaz de elaborar unha lei de caixas acorde coa Constitución. Certo é que Feijoo, o acomplexado do Presidente galego, púxollo en bandexa hai uns días.
O pobo español en xeral é incapaz de asumir, de respectar, de tolerar as diferenzas. Miraas como unha ameaza, e é particularmente sectario con aquelas nacións sen estado, especialmente con Galiza, cuxa tradición galegofóbica remóntanse até o famoso “século de ouro español”, nos últimos anos do Reino de Galiza.


