Reflexións galegas e en galego

13/08/10

Lume? Quen dixo lume?

Para a Xunta de Galiza non había lumes até onte que morreron dous operarios en labouras de extinción. As columnas de fume que se vían ao lonxe, ou as nubes castañas que se vían no ceu non eran do lume galego, eran do ruso ou do portugués; neste último país, segundo informaba onte a TVG, ardía máis que na Galiza e era moito máis perigoso.

O PP e o presidente da Xunta optaron por negar o evidente, e aínda que cheiraba a queimado, se non sae nos medios, que colaboran gustosamente, nada existe.

1 Comentarios:

Anónimo disse...

'A XUNTA NON LIMPOU OS MONTES POLO RECORTE'
Adega: 'A veciñanza insistiu na prevención xa no inverno'
ANT - Redacción . A asociación ecoloxista Adega vén de enviar un comunicado no que lamenta a morte dos dous brigadistas falecidos en Fornelos de Montes e no que critica a 'ocultación de información' sobre os incendios, que 'demostra a incapacidade dos gobernantes'.
ANT - Sáb - 14.08.2010 | 18:03
TAGS: ADEGA , ECOLOXISMO , INCENDIOS , LUMES ,

Lume forestal no monte Pedroso. Jessica Barcala/AGN
Adega vén de denunciar que “a falta de transparencia no ofrecemento de datos sobre a superficie queimada está a causar preocupación e inquietude nos habitantes do rural”. Segundo a asociación, “numerosas persoas que viven nestes contornos amosáronlle a Adega o seu enfado coas actuacións emprendidas polo Goberno de Alberte Núñez Feixóo sobre os lumes.

Os ecoloxistas engaden tamén “a manipulación das cifras e a mentira sistemática sobre a extensión e afección dos recentes lumes, como os acontecidos no Parque Natural do Xurés ou o LIC dos Canóns do Sil”.
Lobios

Neste senso, lembra que no incendio do día 8 de agosto en Lobios foron calcinadas perto de 200 hectáreas de bosque e monte baixo de altísimo valor ecolóxico, parte del integrante do espazo protexido do Parque Natural Baixa Limia–Serra do Xurés, recentemente declarada Reserva da Biosfera, e causando importantes danos en bens materiais e persoais das parroquias de Riocaldo e Lobios.

“Fronte ás 20 ha. de superficie que declarou a administración autonómica a última hora do domingo, o propio Feixóo falou de 60 ha. en comparecencia de prensa dous días despois”, subliña. “A realidade supera as mentiras dos nosos gobernantes xa que a superficie arrasada foi moito maior, falando o propio Ministerio de Medio Ambiente Rural e Mariño, tamén na mañá do martes 9, cando o incendio aínda non estaba totalmente extinguido, dun mínimo de 170 ha”, engade.

Canóns do Sil

Adega informa de que outro espazo protexido foi arrasado nos días 11 e 12 de agosto no territorio dos Canóns do Sil, onde un incendio calcinou máis de 400 ha. (o Goberno de Feixóo só recoñeceu 200 ha.). “Semella que a Xunta, ao facer medicións sobre plano, esquece que sen os terreos afectados da Ribeira Sacra teñen pendentes superiores ao 30 por cento, en especial dentro dos Canóns do Sil”, apunta.

Eivas na prevención

A veciñanza afectada de Lobios xa advertiu de que a utilización de maquinaria pesada para abrir devasas debería ser tido feita no inverno e na primavera cando así llo requiriron aos responsábeis do Parque do Xurés, para que fixesen tarefas de rozas de pistas e nos perímetros das aldeas. “A resposta –informa Adega– foi que non dispuñan de medios materiais e humanos polas medidas de recortes orzamentario e austeridade da Xunta”.

Adega denuncia que se segue apostando pola extinción –“con menos medios pola austeridade”– “confiando como na era Fraga nunha meteoroloxía propicia, e esquecendo a prevención”.

Pola outra banda, o colectivo ecoloxista critica a supresión dos grupos de Voluntariado en Defensa do Monte –creado pola Dirección Xeral de Xuventude do bipartito–, “importantísimo elemento de concienciación e disuasión”. “Precisamente Feixóo acaba de reclamar a colaboración e implicación da sociedade galega contra o lume: iso precisamente é no consistía o voluntariado que tan cedo se encargou de desmontar”, censura Adega.