Reflexións galegas e en galego

28/10/09

Pasou o día pasou a romaría

Milleiros de persoas percorreron o día 18 de outubro as rúas de Santiago na defensa do Galego. Entre elas había destacados membros do PSOE, cuxo líder, Pachi Vázquez, días atrás abrira a porta para facer co-oficial a forma “La Coruña” para denominar a esta cidade, ao tempo que se mantiña a galega. Recuaron, pero nestes días o PSOE coruñés (pasou o día pasou a romaría), volve á carga, desta volta para cuestionar, xunto co PP, a lei de Normalización Lingüística, que foi votada por ambos os dous partidos. Mesmo o Alcalde, Javier Losada, escribiulle unha carta a Feijoo instándoo oficializar o deturpado topónimo La Coruña.

Está claro que o PP e o PSOE coruñés coinciden no seu posicionamento a respecto do topónimo (en outras cuestións seguramente tamén), e se Javier Losada, o Alcalde, non dá un paso fronte para oficializar “la coruña” da man do PP, é porque goberna co BNG. A ver que pasa en 2011.

Compárteo

23/10/09

Interrogatorio a Carlos Callón

O luns 18, Carlos Luís Rodríguez fíxolle unha “entrevista” a Carlos Callón, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, no seu programa Foro Aberto da TVG, a televisión pública.

Segundo a Wikipedia, unha entrevista é “unha conversación entre dúas ou máis persoas (o entrevistador e o entrevistado) onde as preguntas son feitas polo entrevistador para obter información do entrevistado”. Pois o que poderedes ver a continuación seméllase máis a un interrogatorio que a unha conversa entre dúas persoas; un interrogatorio normalmente fáiselle a unha persoa que comete un delito. Polo que se ve, Carlos Callón si cometeu un delito: defender o idioma galego. Calquera día depórtano a Guantánamo por ser un perigoso activista lingüístico.



Carlos Callón ''entrevistado'' por Carlos Luís Rodríguez
Cargado por nagalizaemgalego. - Vídeos de noticias del mundo entero.

Compárteo

21/10/09

O Xornal de Pachi

Xornal naceu nos últimos meses do bipartito, como unha iniciativa xornalística plural, en clave de esquerda e nacionalista. Hoxe, quedando lonxe os ecos dos goberno da Xunta presidido polo BNG e o PSOE, vemos que este xornal deixou de ser plural para converterse na practica nun voceiro do PSOE galego.

Onte analicei as noticias das 13 primeiras páxinas deste xornal: 6 son noticias relacionadas co PSOE, outras 6 co PP, todas elas, agás a presentación dos orzamentos da Xunta, relacionadas co caso Gürtel, e 1 na que aparece o BNG, pero misturando tamén ao PSOE e á Mesa pola Normalización Lingüística, cuxo título é “A oposición di a Feijóo que escoite o clamor popular sobre o galego”.

Como se pode supoñer, isto é calquera cousa menos pluralidade. O que si lle recoñezo é a utilización do galego que destaca por encima do resto, pero fóra diso, “rien de rien”.

O curioso é que este xornal nace ao abeiro do concurso eólico, e foi, xunto cos intereses económicos que había detrás do concurso eólico, un dos detonantes da furibunda campaña de acoso e derribo de La Voz de Galicia ao BNG. Con todo, calquera vinculación deste xornal co BNG é pura coincidencia, xa que dentro do súa dirección están socialistas como Ceferino Díaz, Miguel Barros ou populares como Victorino Núñez. Polo tanto non é de estrañar que este xornal estea tan escorado a certo sector político de Galiza.

--
Venres 23.
Ollando unha vez máis o Xornal de Galicia, vexo que o BNG segue desaparecido. Só hai unha noticia, unha entrevista ao Vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, referida ao nacionalismo galego, concretamente na páxina 13. E non busquemos máis por non hai. A sección de noticias referidas a Galiza son todas para o PP e para o PSOE, para os primeiros, outra vez sobre o caso Gürtel, algunha moción de censura, e o resto para os socialistas, denunciando estes feitos. U-la pluralidade? Chi lo sa!!!

Compárteo

18/10/09

18-O: o día da dignidade


A Plataforma Queremos Galego, sen altofalantes mediáticos que a axudaran, encheu por dúas veces a Praza da Quintana, para clamar polos dereitos do galego que o PP teimudamente nos quere arrebatar.


16/10/09

A lista do Conselleiro de Educación

Primeiro ameaza con sacar unha listas onde, supostamente, figuraban os nomes e apelidos de altos cargo dos BNG e o PSOE do anterior goberno que levaban as súas crianzas ao ensino privado, logo dunha interpelación de Carme Adán, Deputada do BNG. Non só ameaza, senón que as ensina, cousa que se pode ver perfectamente no vídeo. Máis tarde, noutra comparecencia, xa non se acorda de nada, e onde dixo digo, dixo Diego. E non só iso, segundo informa o BNG na súa web, o PP negouse a visualizar este vídeo na Comisión de Educación.

Velaí tedes o vídeo.

E ti, non pensarás quedar na casa o domingo 18 de outubro?

14/10/09

Pechando todas as saídas en Euskadi

Se vistes a película Munich, de Stiven Spielberg, recordaredes que os servizos segredos sionistas liquidaban, física e politicamente, calquera posibilidade de recondución do conflito palestino que non fora a violenta, que é a que eles lle interesaba (e interesa). Así os líderes susceptíbeis de iniciar unha vía pacífica de loita política polos dereitos dos palestinos era sacado da circulación e era rapidamente substituído por outro líder máis radicalizado, e útil para Israel.

Pois algo semellante témolo moi preto de nós, en Euskadi. Calquera posibilidade de recondución política e pacífica do conflito mo País Vasco con España é rapidamente abortada, neste caso con detencións como a de Arnaldo Otegui, que liquida calquera posibilidade de retorno da esquerda abertzale ás institucións vascas, aplicándolles unha lei de partidos tan inxusta como antidemocrática, que anula o voto de miles de cidadáns vascos.

O obxectivo da estratexia é claro: enquistar o conflito por lles resulta moito máis rendíbel electoralmente, ao tempo que paseniñamente se inicia unha reconquista cultural e política.

Relacionada: Un lobo anda solto

09/10/09

Lacaios

En que cabeza colle que se lle outorgue un Premio Nóbel da Paz a o Presidente dun país que, non só ten tropas ocupantes sobre outra nación soberana, senón que o bombardea día sí e día tamén?

Pois aos lacaios que outorgan os Premios Nóbeles non só se lles pasou pola cachola senón que lle concederon o citado premio ao Presidente dos Estados Unidos, Barack Obama.

Sinceramente, é un despropósito e unha tomadora de pelo, a parte de que, para min, é un desprestixio para os citados premios, e para os anteriores galardonados, como Rigoberta Menchú, Amnistía Internacional, Martin Luther King, etc.

08/10/09

En Plan E

Supoño que a estas alturas saberedes o que é o Plan E. Basicamente é un plan de estímulo de emprego, mediante o cal o Goberno Estatal puxo a disposición dos Concellos unha cantidade bastante elevada de cartos para que gastaran en calquera tipo de proxectos, que non poideran ser sufragados en condicións normais polos Concellos. Así un concello tanto podía presentar un proxecto para levar o saneamento a unha aldea como crear un parque temático con reproducións de edificios e construcións históricas. Pois isto último foi o que fixo o Concello de Torrejón de Ardoz, cunha parte dos cartos do Plan E, esta localidade madrileña, puxo en marcha un parque temático para construír reproducións da Fontana de Trevi, da Torre Eiffel, etc.

Como se pode comprobar todo un exemplo de despilfarro en tempos de crise. Non coñezo ese concello madrileño, pero seguro que teñen maiores necesidades que facer reproducións de edificios históricos.

De todos os xeitos, tamén hai que dicir, que ao goberno central, promotor do Plan E, non lle importaba en que se gastaban os cartos, só había que gastalos e punto.

07/10/09

As cousas polo seu nome, en Afganistán hai Guerra

Nos medios españois máis destacado (El País, Público, El Mundo, ...) falan de guerra en Afganistán cando a noticia se refire aos Estados Unidos, pero cando se refire ás tropas españolas alí destacadas por mandato da OTAN, chámase labores humanitarias. O conflito é o mesmo, pero chámase dun xeito ou doutro segundo coincida mellor.

Hoxe morre outro soldado español, -87 en total a día de hoxe-, e os medios din que morreu nun “atentando”. Evidentemente, os que puxeron a bomba son terroristas, e iso que os que levaron o terror, a guerra, a morte, a este país asiático non foron os afganos, foron os americanos, despois do atentado do 11-S, e seguíronlle unha morea de países para tentar doblegar a este país, que 8 anos despois aínda resiste, malia a que se enfrontan á maquinaria bélica máis mortífera que tivo nunca a humanidade.

Xa vai sendo hora de chamarlle ás cousas polo seu nome, e se o Estado Español sacou as tropas de Irak, porque aquilo era unha Guerra, e porque Zapatero fixo unha promesa electoral, que cumpriu, froito -non o esquezamos-, do antento do 11-M, previo ás eleccións de 2004, que o levaron ao poder, xa son horas de sacalas tamén doutra guerra, a de Afganistán.

De todos os xeitos, son pesimista, e as tropoas alí seguirán en Afganistán ata que o Imperio decida marchar, e deixar aquilo por imposíbel, porque, temos que recordalo, os afganos levan máis de 100 anos guerra, loitando contra os distintos invasores e nunca perderon. Manter as tropas españolas en Afganistán é o prezo que hai que pagar por visitar a Casa Blanca.

Relacionada: Que fai o Estado Español en Afganistán?

Un Lobo anda solto

A película “Lobo”, basada en feitos reais, conta as andanzas dun infiltrado do goberno franquista en ETA. Os seus chivatazos á policía do réxime desvirtuou calquera posibilidade dunha ETA máis política e menos militar. Con todo, o infiltrado quería rematar con ETA e abrir unha vía política nesta organización terroristas, mais as autoridades de Franco negáronse, éralles máis útil unha ETA matando que unha ETA que loitara politicamente pola independencia de Euskadi, xa que así poderían dosificar as demandas do pobo basco. Este é o fragmento do que falo.



O resto da historia xa o coñecemos. Pero nestes días iso que se conta nese fragmento vólvese máis evidente que nunca, despois de que se coñecera que un chivatazo desde altas instancias do goberno dera ao traste coa posíbel detención dun membro de ETA. Por que se lle dá un chivatazo a un membro de ETA cando, segundo din os do PP e os do PSOE, son os malos, son delicuentes, e aos delicuentes hai que detelos e metelos no cárcere?. Non será que lles é máis útil ter controlado o xoguete e utilizado nos momentos delicados, como nos días previos a unhas eleccións?.

05/10/09

Unha de piratas

A visión romántica que temos dos piratas é a duns aguerridos homes que asaltan os barcos que desde as “indias” ía cargados de ouro e prata para Europa, riquezas que as potencias militantes e políticas daqueles tempos (España, Portugal, Inglaterra, ...) saquean no novo mundo.

Hoxe en día, esa visión romántica cambiou radicalmente. Os piratas somalíes non son os heroes que reflicten as películas, como as protagonizadas por Errol Flynn. Agora os piratas son os malos, saquean e asaltan os nosos barcos.

Mais a min hai algo que non me cadra. Segundo os medios de comunicación e o goberno, os barcos, españois, como o Alakrana, asaltado estes días, faenan en augas de Somalia, e son asaltados por piratas que só buscan unha recompensa; iso no mellor dos casos, porque moitas veces non se sabe porqué son asaltados. Como dixen antes, se os barcos somalíes faenan en augas de Somalia, haberá un tratado con este país africano para que os barcos españois poidan pescar en augas deste país africano. Ollando o mapa que ten o Ministerio de Mar e Medio Rural das zonas de pesca que ten o Estado Español, atopo algo chamativo: non se ve que haxa unha zona de pesca específica nese país africano, como si a hai moi preto, por exemplo, Madagascar. Quere iso dicir que “El Reino de España” non ten tratado de pesca con Somalia? Se isto é certo, os piratas, os que saquean os recurso marítimos dos somalíes son os españois, e o resto de países que aproveitan a febleza do país africano para arrasar coas súa riquezas, mentres os seus paísanos morren de fame, ou, como neste caso, son acusasdos de terroristas e piratas por defenderen o que é seu.

Mercedes Sosa

Din que é a voz de América, e para min que non lles falta razón.

03/10/09

La Voz del Viento

Agora xa se entende a teima que ten, e tivo, La Voz de Galicia contra o BNG. Segundo informa El País, un dos prexudicados polo concurso eólico levado a cabo pola Consellaría de Innovación e Industria, que dirixía o nacionalista Fernando Blanco, foi o Vicepresidente de La Voz, José María Castellano, ex-executivo tamén de Inditex. Este señor, xunto con outros aspirantes a megawatios presentaron unha denuncia no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que decretou a suspensión, que non a ilegalización, como informaba La Voz de Galicia hai uns días, do decreto eólico do BNG.

Como se pode ver La Voz de Galicia tiña intereses na adxundicación do decreto eólico e como estes non soplaron ao seu favor, a estratexia a seguir foi tumbar o bipartito, atacando furibundamente ao BNG un día si e outro tamén. E conseguíuno, pero a un prezo moi caro, porque está a perder lectores a mans cheas todos os días, e non só iso, perdeu credibilidade entre moita xente.

Relacionada: La Voz de Galicia manipula con malicia

02/10/09

Teño unha corazonada, Río de Janeiro

Sinceramente a min tráeme non me traen sen coidado que as olimpiadas de 2016 sexan en Madrid ou non. Na actual coiuntura económica na que se atopa o Estado Español que toda política económica se xogue a conta dunhas olimpiadas é un espectáculo patético. As olimpiadas son un lastre para as finanzas públicas, en cambio para moitas empresas privadas é un chollo, de aí que a decisión do comité olímpico internacional está moi condicionada por esta cuestión: o negocio privado.

Como dixen, as olimpiadas é un lastre para as finanzas públicas, xa que ten que gastar unha inxente cantidade de cartos nunha infraestruturas para un acto puntual, que en moitos casos quedarán infrautilizadas, no canto de dedicar os recursos públicos a construír infraestruturas, vivendas sociais, hospitais, ... en definitiva, mellorar a calidade de vida dos cidadáns. O Estado Español xa ten experiencia na organización dunha olimpiada, Barcelona 92, os beneficios que isto supuxo, xa se viron, o Estado despois das mesmas entrou en recesión en tardou algúns anos en saír do pozo.

Pero hai elementos económicos que me fan pensar que os xogos de 2016 van ir para Río de Janeiro. Brasil é unha das economías emerxentes máis fortes, e está situado nun dos continentes que nunca organizou os xogos olímpicos. O Estado Español xa organizou uns xogos olímpicos e a súa economía, hoxe por hoxe, está a cola de todos os países da UE.

Así que eu teño unha corazonada, os xogos van para Río. Seguro que non me engano.

A demagoxia de Pepe Blanco

José Ignacio Goirigolzarri foi até hai uns días conselleiro delegado do BBVA. Poucos, fóra do mundo das finanzas, o coñecían. O BBVA decide prescindir dos seus servizos, pero marcha para a casa cun finiquito de 3 millóns de euros ao ano, até o final dos seus días. Escandaloso? pois si, e diría que tamén que é obsceno, tendo en conta a crise económica que hai, coa de ERES que hai todos os días.

Pero se iso é escadaloso, o de Pepe Blanco, Ministro de Fomento, xa é de traca. Di, este veciño de Palas de Rei, que a pensión de Goirigolzarri debería ter unha pensión maior. Pois si. A que espera o Sr. Blanco para facer a proposta á Ministra de Economía, Elena Salgado, de cobrarlle máis impostos aos que máis cobran e deixar en paz aos que temos soldos baixos. Aínda non se enterou que é Ministro e que tendo a maioría suficiente, que a ten, pódense facer estas cousiñas. Porque se o PSOE non cambia o seu proxecto de orzamentos, eu e todos os que temos soldos normais, pagaremos pagaremos o mesmo tipo impositivo de IVE que o Sr. Goirigolzarri, que cobra 3 millóns de euros ao mes.

Pero nada novo baixo o sol, o PSOE sempre fai ese doble discurso, por un lado fala de esquerda e pola outra fai política de dereitas. Nada novo. E Pepe Blanco é un mestre do doble discurso.

Compartir

01/10/09

Mamasunción, unha pequena gran xoia

Unha obra imprescindíbel do cine en Galiza. Unha pequena gran xoia do cine Galego. Mamasunción, de Chano Piñeiro.