Reflexións galegas e en galego

30/06/09

Peregrinaxe pola dignidade laboral


Os traballadores do metal da provincia de Pontevedra trasladaron a súa protesta a Santiago facendo unha peregrinación a pé, como calquera pelegrín, mais estes non pararon na Catedral, foron directos a San Caetano, onde está o goberno da Xunta, para facerlles chegar as súas lexítimas demandas.

Este particular xeito de protesta foi convocada pola CIG, central sindical que está a capitanear a protesta e a folga. CC.OO e UGT secúndana con poucas ganas e iso notouse nas intervencións que fixeron en San Caetano, xa que en máis dunha ocasión foron interrompidas con pitos. Non así a intervención do verdadeiro líder da protesta, Antolín Alcántara, cuxa intervención foi amplamente vitoreada. Iso si, logo os medios sempre recollen as intervencións das centrais sindicais.

Como cabía esperar os PP-Boys agardaban a chegada dos do metal cun bo feixe de policía, pero os de Feijoo non se molestaron en recibilos. Segundo as miñas fontes, estaban moi liados coa preparación do seguinte dossier sobre os gastos e os contratos do bipartito; os problemas reais, os que ten o pobo, poden agardar.

La Voz de la Demagogia

Unha vez máis La Voz de Galicia volve facer gala da demagoxia que ultimamente caracteriza a este xornal. Hoxe viña unha noticia sobre os miles de euros que gastou o Sr. Touriño (que non é santo da miña devoción, como sabedes) nas rodas do seu Audi blindado, que, segundo as fontes que manexa deste xornal, que seguramente de “ruedas” entende algo, gastou 42.000 euros en 10 pares de xogos de rodas en 14 meses.

A ver, a cifra é alta, os demais mortais aproveitamos a rodas canto no podemos, iso é asi; pero se este xornal mira o prezo do coche oficial de Touriño, sería bo que fixera un repaso polo gasto dos coches oficiais do resto de políticos, por exemplo, Rajoy ou Zapatero, ou calquera dos ministros. Iso en canto aos políticos, porque se faláramos da “realeza” seguro que esa cifra é máis alta, porque, canto gasta o Juan Carlos de Borbón en rodas ou o seu fillo Felipe, cartos que tamén saen dos nosos petos.

Por certo, estou completamente seguro de que este frecuente cambio de rodas obedece a unha mera esixencia da seguridade destes persoeiros.

25/06/09

Os dous de sempre co mesmo conto de sempre


Recoméndoche que vexas o vídeo a pantalla completa para ver os titulares.

24/06/09

Progres incautos

Andan os medios revoltos porque o PSOE rexeitou apoiar unha iniciativa de IU para subirlle os impostos máis ricos. E eu pregúntome: a que vén tanto rebumbio?. Eu neste caso vou defender ao PSOE, porque é un partido coherente, aínda que presuma, e moitos dos seus electores pensen que é progresista ou de esquerdas.

Durante a época de Felipe González fíxose unha reconversión industrial que botou á rúa a miles de traballadores -en Galiza sabémolo ben, mesmo nos prohibiron construír barcos civís por esixencias de Euroa-. Baixo o mandato do andaluz tamén se fixo unha reforma laboral, que incrementou notabelmente o número de contratos laborais; tamén se iniciaron as privatizacións de empresas públicas -disque non eran rendíbeis-, é dicir, repartiron entre os máis ricos a riqueza de todos.

Agora, na época de Zapatero, o PSOE segue polo camiño iniciado en 1982, pero, ao contrario que daquela, teñen un discurso de esquerdas, aínda que a súa práctica política sexa de dereitas. Non temos que ir moi atrás, en agosto de 2008 o PSOE elimina o Impostos sobre o Patrimonio, precisamente o imposto que pagan os que máis teñen; non hai moitos días, xusto despois das eleccións europeas, o PSOE sobe os impostos indirectos, os que pagamos todos, independentemente da renda de cada quen. Así que, por coherencia, como dixo o portavoz do grupo parlamentar socialista, o Sr. Alonso, tiveron que rexeitar a iniciativa de IU, que en teoría serviría para gravar as rendas máis altas.

Desde logo nada novo baixo o sol, e o cambio de última hora non sorprende a ninguén, salvo aos “progres” incautos, que pensan que votar ao PSOE é votar esquerda.

20/06/09

Que se vaian todos!!!

Que se vaian todos, desde o seu presidente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, pasando por Ramón Villares, Xesús Alonso Montero, José Luis Méndez Ferrín, até o último académico numerario da Real Academia Galega que permanencen impasíbeis, insensíbeis e mudos ante o atentado que o PP de Feijoo está perpetrar contra o noso idioma, que, de seguir así, mesmo baleirará de contido unha institución, que, segundo figura na súa páxina web, non ten ningún tipo de obxectivo, mais que o de ficar sentados nos seus poleiros académicos mentres esmorece a nosa lingua.

13/06/09

Impostos sustentábeis

Cinco días despois das eleccións ao Parlamento Europeo, o Goberno Central do PSOE sobe os impostos indirectos dos hidrocarburos e do tabaco, uns impostos que pagaremos todos e todas independentemente da renda de cada quen, uns impostos a todas luces inxustos. Como se pode ver unha medida tan "progre" como cobarde, por non facela a semana pasada, antes das eleccións.

É unha mágoa que non teña as declaracións da Ministra Salgado anunciando esta subida sorpresa, pero non me deixou indiferente. Dixo que eran uns impostos sustentábeis, porque por un lado ao ser máis caro o carburante, consumiríase menos (non é certo, pero vaia...), e por outro estado recadaría máis, e polo tanto sería bo para a sustentabilidade das arcas estatais.

O obxectivo desta medida é recadar máis e diminuir o déficit público, que xa alcanza o 9,5% do PIB, cando Europa non permite máis que o 3%. Mais tamén persegue un efecto colateral, subir o IPC, que está en tasas negativas, é dicir, que o Estado está en deflacción, e previsibelmente seguirá así até o outono, porque, segundo a Ministra Salgado, os carburantes están baratos, e tirán á baixa o IPC. Mais isto tampouco é tanto así, o 18 de marzo, o gasóleo A estaba a 0,885 euros, esta semana 0,958, unha subida discreta, pero leva subindo varias semanas consecutivas, polo tanto a súa repercusión tería no IPC se as circunstancias foran normais. Pero non o son, a xente non consume e os prezos caen, e con esta subida de impostos indirectos menos vai consumir, sobre todo as rendas máis baixas.

Pero os ricos poden respirar aliviados, a crise pagarémola entre todos, porque a Ministra de Economía non incrementará os impostos ás rendas máis altas, malia que foran os ricos os que aumentaran a burbulla financeira e inmobiliaria, e polo tanto os responsábeis da crise económica que estamos a padecer.

En can fraco todo son pulgas

O BNG non está a atravesar o seu mellor momento. En tres meses perde a Xunta, dimite Quintana, ten unha Asemblea Nacional extraordinaria para elixir novo Portavoz Nacional, e nestas condicións preséntase a unhas eleccións, as Europeas, onde por unha banda consegue o obxectivo que era o de acadar eurodeputado, aínda que sexa repartido, e mais pola outra perde 40 mil votos, superando, por pouco os 100 mil votos. E por se isto fóra pouco, agora o PP (sempre fala o máis indicado) acúsao de adxudicar contratos a dedo a unha empresa creada por cargos do BNG aínda que non momento de conseguir os contratos ningún cargo desta organización dirixía xa a empresa. O PP acusa ao BNG de adxudicar 1 millón de euros a unha empresa afín, cando adxudicou centos de millóns de euros a empreas afíns ao PP.

De todo se aprende, e o BNG ten que sacar conclusións de todo o que fixo no goberno, centrar toda a súa oposición nos problemas que afectan á xente, porque esta o que quere, esteas na oposición ou no goberno, é que llos arranxes non que llos crees. Por o resto, o "e ti máis", son entretementos para os políticos e carnaza para os medios de comunicación.

Por iso, o PP xa hai case dous meses que tomou posesión do seu cargo, tivo tempo de buscar buratos negros, de buscar facturas de sillas, e demais, pero agora o que queremos todos e que solucione os problemas da xente, os problemas dos galegos e galegas. Por exemplo, que pasa coa folga do metal da provincia de Pontevedra? que pasa co ERE da empresa Caramelo? que pasa coa factoría de Pascual de Outeiro de Rei? que pasa cos problemas dos gandeiros?... a todo isto o PP aínda non deu resposta e xa van sendo horas, e tamén vai sendo hora de que a oposición, PSOE e BNG, se centren no que se teñen que centrar.

Para rematar un último apuntamento: neste acoso e derribo do BNG o PP e o PSOE van da man (como en tantas outras cousas), porque é curioso que sexa o PP o que apunte, e El País (do grupo Prisa, grupo mediático afín ao PSOE) o que dispare. Conclusión: o bipartidismo quere conquistar Galiza e extender a súa negra sombra sobre o noso país, e o único atíndoto segue a ser e será o BNG.

03/06/09

Empezamos...

Unha semana despois do nomeamento do novo director da CRTVG e xa empezamos coa censura no ente público, nun tema, as vacas tolas, que salpica especialmente ao partido no poder na Xunta de Galiza, o PP. Desde logo nada novo baixo o sol, porque situacións coma esta xa se deron na era Fraga.

E pregúntome eu, os que ficaron na casa o 1 de marzo, provocando a vitoria do Partido Popular coa súa abstención, era isto o que querían? querían a censura? querían un plan para eliminar o galego das escolas?... supoño que non, pero o PP non enganou a ninguén sobre cales eran as súas verdadeiras intencións, o seu lema de campaña xa era indicativo por onde ían ir os tiros, e agora toca a aguantar as consecuencias.