Reflexións galegas e en galego

29/03/09

A primeira en caer

Hoxe domingo o Banco de España decide intervir a Caja de Castilla-La Mancha polos seus problemas financeiros deribados dunha política préstamos desastrosa que levou a conceder créditos por 3.000 millóns de euros "irrecuperábeis", entre outros problemas de xestión. Un dos créditos perdidos foi para construír un aeroporto en Ciudad Real por valor de 1.100 millóns de euros, que como se pode comprobar trátase de pura e simple economía especulativa no canto de meter cartos na economía produtiva.

Esta é a primeira carta do castelo de naipes do sector financeiro español. Haberá máis... ao tempo.
----
O goberno central aproba un aval de 9.000 millóns de euros para garantir a solvencia da entidade. Aínda que Solbes e De la Vega din que non se van empregar todos eses cartos, como moito 3.000 millóns, a previsión desa cifra pode dar conta do que se pode vir enriba, e estamos a falar dunha entidade financeira que representa o 1% do sector. Non quero nin pensar que pasaría se se tratara dun dos grandes (BBVA ou o Santander).

Por certo, non estaría de máis saber se esta entidade financeira acudiu á subasta de activos do Banco de España. Se acudiu está calro que o burato é ben fondo.



26/03/09

Outra couce

La Voz de Galicia segue coa súa campaña de acoso contra o bipartito, facendo leña da árbore caída, pero unha vez máis deixa translucir a súa demagoxia e a súa hipocrisía. A súa noticia, sobre o que cobrarán os altos cargos cando abandonen a Xunta, vén ilustrada por unha viñeta, que podedes ver máis abaixo. Nela, un coche luxoso despídese de Feijoo, que ten ao lado un Citröen 2 cabalos, un utilitario.

Aínda que o plus de altos cargos foi aprobado polos tres partidos, politicamente a quen principalmente afecta é ao Bipartito, xa sabemos que aos do PP estas cousiñas non lles afectan o máis mínimo. Iso por un lado. Pero o que non conta La Voz de Galicia é que o Sr. Feijoo disfrutou de coche gratis total durante dous anos, un coche que na súa variante máis básica custa máis de 42.000 euros. Pero xa non é que o coche custe iso ou máis, o tema é que ao PP ou ao Sr. Feijoo o disfrute deste Citröen, cústalle moito máis de 42.000 euros (custe do coche, seguro, combustible, condutor, etc). E isto, como xa dixen, non o conta La Voz de Galicia. Vamos que se están cargando de gloria estes de La Coz, e están deixando a reputación que tiña este xornal polo chan.

23/03/09

Gran Torino e a recuperación de USA

Gran Torino é a última fita de Clint Eastwood, un dos mellores directores americanos vivos, que ten dirixido nos últimos anos as mellores películas Made in Hollywood. Mistic River, Million Dollar Baby, ... son algúns bos exemplos.

Gran Torino desenvólvese no contexto dun deteriorado barrio residencial, símbolo do American Way of Life, habitado na súa meirande parte por asiáticos, mais tamén por negros, latinos, polacos, negros, irlandeses, italianos, ... Ese barrio é como un pequeno campo de batalla onde loitan todos contra todos e onde ninguén está a salvo. Unha guerra solapada, que lle recorda ao protagonista, Kowalsky, a súa estadía na Guerra de Corea, que lle causou unha grande trauma psicolóxica; mais nesta ocasión non loita con pistolas, se non que utiliza outras vías para reconducir a vida dalgún dos seus veciños asiáticos (mundo laboral), a piques de ingresar nunha banda criminal, ou expiando traxicamente as súas culpas para pór a disposición da xustiza os criminais do seu barrio, unha expiación, que, como explicarei máis adiante, ten ademais outra intencionalidade.

Para min, Eastwood pretende con esta película recuperar américa, recuperar os seus valores, moi deteriorados: quere recuperar fisicamente o seu barrio, tenta reconducir a vida dun adolescente polas canles do emprego, do sacrificio persoal, tendo como referente os valores e símbolos consumistas que fixeron grande a América, o coche, un Ford Gran Torino, un coche americano,. É dicir, que a recuperación económica de Estados Unidos pasará ineludibelmente por consumir produtos Made in USA, cuestión esta que lle reprocha aos seus fillos.

Clint Eastwood ridiculiza nesta fita a institución eclesiástica: un crego virxe que non sabe nada da vida. El é crente pero nin comparte as doutrinas da Igrexa nin os seus sacramentos: a confesión ridícula que fai co crego contrasta ca máis íntima e exorcizadora da súa trauma que lle fai ao mozo asiático; a ter en conta tamén os brazos en cruz cando cae morto a tiros.

Tamén, e iso é algo que xa vimos en Million Dollar Baby, Eastwood defende o dereito a unha morte digna de todas as persoas, incluída a súa propia, a do protagonista, que ten unha enfermidade mortal de necesidade. A tráxica escena final está cargada de simbolismo e cunha tripla función: por un lado o protagonista enfróntase á trauma da guerra de Corea, (o “niño de ametralladoras” que tanto o atormenta); por outro lado sacrifica a súa vida por mor da enfermidade terminal e para poñer a disposición da xustiza a banda que atemoriza o seu barrio.

Para rematar dicir que eu non son un grande coñecedor das técnicas cinematográficas, das que seguro que outros se pararán máis ou menos para loubar ou non unha película, eu quédome coas cousas que conta para discernir se unha película é boa ou non, e Gran Torino é unha grande película e Clint Eastwood un gran director, malia que algunhas cousas que conta non sexan do meu agrado, pero é tanta a mediocridade imperante no cine actual que chega unha fita coma esta e tes que dicir que é boa, pola clareza das ideas que quere reflectir. Outra cousa é o Clint Eastwood actor, que non se dá desprendido dese rostro duro e insensíbel; malia a todo esta película faise impensábel sen outro actor que non fora el, seguramente porque quen mellor ca el para encarnar e defender os valores que plasma esta película.

22/03/09

Dime de que presume e direiche de que careces

A Igrexa Católica española acaba de sacar unha campaña en contra da reforma do aborto que pretende levar adiante o goberno central. Segundo eles, a vida dun neno está menos protexida cun lince ibérico.

Na imaxe que podedes ver debaixo, queda claro que eles, a xerarquía eclesiástica, son os menos indicados para dar leccións sobre a protección de menores.

Visto en Microsiervos.

20/03/09

Parecido razoábel

Esta primeira imaxe é o "logo" da corrente, digamos, crítica do PSOE.

A segunda é o cartaz da película "Los muertos van deprisa", na que interveñen algúns actores galegos.

Gracias Xosé María.

18/03/09

O galego, en perigo de extinción

En 12 anos duplicouse o número de galegos que nunca falan o idioma propio de Galiza, é dicir, o Galego. Iso é o que se desprende do Mapa Sociolingüístico de Galiza elaborado pola Real Academia Galega, que, malia que a última enquisa realizada é de 2004, publícana agora, case catro anos máis tarde, despois dunhas eleccións galegas e despois dunha campaña política e mediática de acoso contra o idioma galego.

Xa o dixen en algunha ocasión, se á Praza do Obradoiro lle quitan todas as pedras, que queda? Un terreo baleiro a disposición dos especuladores para construír uns adosados. Pois a Galiza se lle quitan o Galego tampouco ficará nada. E é iso o que pretende o españolismo político e mediático, que conta co beneplácito ou co silencio cómplice dunha institución como a Real Academia Galega, que no canto de revolverse e petar na mesa polo está acontecendo, adícanse a asubiar e mirar para outro lado como se con eles non fora o conto.

Xa o di Francisco Rodríguez no seu blog o “idioma inflúe na restauración da dignidade colectiva, da conciencia sobre a realidade, na conformación dun espazo de comunicación xenuíno, na visión de que existe pobo galego e que a lingua é un dos seus símbolos e instrumentos de definición política e psico-social”. Está claro por que baten no galego como se fora un polbo, por que din que se “impone el gallego” cando a realidade é radicalmente distinta, queren que desapareza o pobo galego.

16/03/09

El Salvador: nova terra liberada

Venezuela, Bolivia, Ecuador, ... e agora El Salvador, que despois de 20 anos de goberno ultra-dereitista, o FMLN (Farabundo Martí de Liberación Nacional), álzase co poder neste pequeno país centro-americano. A liberdade e a descolonización plena de américa é xa imparábel neste continente que viviu as ditaduras máis implacábeis da historia e o roubo dos seus recursos naturais por parte das grandes transnacionais.

13/03/09

Feijoo e a lei de costas

Feijoo non sabe se manterá ou non a Lei de Costas, que prohibe construír a menos de 500 metros da costa. Á marxe da gravidade da “dúbida”, que un presidente electo non debe ter sobre cuestións coma esta, ao mellor Feijoo está aínda dilucidando se se debe construír a 500 metros da costa ou a 500 metros mar a dentro, como este construtor de Air Galicia.

12/03/09

Impoñendo a falacia e mentira

"Un País sen divisións entre iguais nin imposicións". Esta é unha das frases do manifesto asinado por varios persoeiros da vida política ligados ao PSOE, que tenta reconducir a este partido por novas sendas.

Na frase “Un País sen divisións entre iguais nin imposicións”, estanse a referir claramente ao galego, que segundo eles, provoca divisións e imposicións, asumindo como propio o discurso da dereita ou da ultra-dereita española, que din que o castelán está ameazado de morte na nosa terra, algo, que por suposto, non é certo, máis ben todo o contrario, goza dun saúde espléndida.

Por que asumen este discurso da dereita? Pode ser que queiran pescar en caladoiros alleos para ser un Partido maioritario en Galiza, como así o indica este manifesto. Erro. Eses votos, ese electorado, non flutúa entre dereita e esquerda, é do PP.

O grave xa non é que estes do PSOE queiran asumir o discurso do PP por cuestións electorais, o peor é que axudarán a estender na sociedade galega unha falacia, una mentira que non admite discusión. Aquí, na Galiza, o idioma ameazado é o galego non o castelán. Non hai máis que ir a unha libraría e ver cantos xornais hai en galego e cantos en castelán, ou encender a televisión, ou no cinema, ou simplemente pasear pola rúa dunha vila ou cidade para ver que non é precisamente o castelán o que corre perigo de morte, é o galego.

06/03/09

Chegan as Bilingüelas!!!

Primeira medida do PP: eliminar o galego do Ensino (e da sociedade).

A cambio de que Sr. Feijoo?

A min non me regalan nada. Supoño que á maioría dos que visitades o meu blog tampouco. Sabemos que aos políticos desfrutan de prebendas que os demais mortais non podemos. Podo entender que o Parlamento de Galiza, o Congreso ou o Senado poña a disposicións das súas señorías o último do último en tecnoloxía, mesmo coche oficial para o grupo. Pero o que xa non é de recibo é que un político desfrute dun coche gratis total, simplemente por ser xefe da oposición, porque a primeira pregunta que nos vén á cabeza é a cambio de que?, por que?. Desde logo non é tolerábel que un político reciba un agasallo dunha multinacional que está ameazando día si e día tamén dun ERE de proporcións catastróficas para Vigo e para Galiza. O agasallo é a cambio do silencio do Sr. Feijoo e do PP?

05/03/09

Dúas varas de medir

Quintana non pode subirse ao iate dun amigo. Touriño non pode ter un coche blindado. En cambio Feijoo si pode recibir dunha multinacional francesa afincada en Galiza un agasallo valorado en máis de 42.000 euros, na súa opción máis barata, aínda que seguro que o coche que utiliza Feijoo vale máis ca iso. E o que dá máis medo é que o agasallo recibiuno hai dous anos por ser o Presidente do PP de Galiza, daquela, cantos agasallos recibirá agora?

04/03/09

Estaban dicíndonolo pero non lles fixemos caso

Estes dias ollando fotos da noite electoral reparei nunha cousa: a Feijoo véselle conteto, pero non eufórico, que sería o estado de ánimo no que se atoparía calquera que acabe de gañar unhas eleccións tan, a priori, axustadas coma estas. Así que púxenme a ollar na canle Flickr do PP, e reparei na foto que podedes ver a continuación, que xa a vira no seu momento, pero que agora un decátase de que o PP, o día 23 de febreiro, data na que foi tomada esta foto, xa sabía que tiña a maioría absoluta e sabía que ía ter 39 escanos. Iso explica que non acudira ao debate e explica a campaña de acoso, mentiras e difamación que tiraron sobre o BNG, que, por mor do reparto de escanos, era o único partido que podía truncar a vitoria do PP. Daquela non se pode dicir que non avisaron.

02/03/09

Primeiras impresións sobre o 1-M

Non hai dúbida, gañou o PP, no medio dunha participación sen precedentes en Galiza. E hai que descubrirse o sombreiro, xa que gaña no medio dunha enxurrada mediática onde saltaban día si e día tamén as corruptelas, liortas internas, etc, etc... e o máis importante para unha organización de poder, que gaña sen ter poder en dúas das catro deputacións galegas, e sen gobernar en ningunha grande cidade.

O máis grave, ao meu entender, é que o BNG e o PSOE perden votos pola dereita, non pola esquerda, un voto máis crítico, desencantado, pero que no último momento apoiounos, ante o medo de que gañara o PP. Pero non foi suficiente. O PP gañou o voto da incerteza ante a crise, que non dubidou en usar un discurso demagóxico contra os seus adversarios, e eses discurso cala e é doado de entender.

Pero o PSOE e o BNG perden por non aprofundar nos cambios e por facer cousas a destempo, sobre todo o BNG, que con seu Plan Eólico, que seguramente será bo para o país (se non o tumba o PP, claro), pero é unha decisión dun calado tal que non se pode sacar semanas antes de enfrontar unhas eleccións, desatando unha marea mediática sen precedentes en Galiza contra a formación que o sacou adiante co compañeiro de viaxe poñéndolle paus nas rodas.

Como dixen antes, o PP gañou pola crise, que o Bipartito non soubo dar resposta, pero Feijoo ten que deixar de lado o discurso demagóxico e poñerse a traballar, e, francamente, que solucións se pode esperar dun partido cuxos primos-irmáns nos levaron á situación na que nos atopamos agora mesmo.