Reflexións galegas e en galego

28/02/09

O resultado das Eleccións Galegas de 2009

27/02/09

Unha Galiza diferente

Con independencia do resultado do domingo 1 de marzo, percíbese no ambiente que Galiza é xa un problema para o Estado. Se todos temiamos que a campaña electoral de Euskadi ía solapar mediaticamente a galega, hoxe podemos dicir que nada máis lonxe da realidade. Galiza, hoxe, último día de campaña, capitaliza a atención mediática do Estado: Zapatero e Rajoy, deixarán de lado por un día a súas liortas de espías e corrupcións, e pecharán a campaña galega. É dicir, que estes algo se cheiran, algo perciben, e tentan frear o nacionalismo como sexa, porque o nacionalismo é a conciencia e a ferramenta para transformar o País, e non queren, baixo ningún concepto que Galiza teña conciencia e tampouco queren unha Galiza forte e esixente no escenario político estatal.

Insisto, non sei o resultado do domingo, mesmo por momentos son pesimista, pero algo hai no vento, que xa non ten volta atrás. Algo raro pasa en Galiza cando teñen que vir os paracaidistas de Zapatero e Rajoy en auxilio dos seus candidatos respectivos.

25/02/09

Unha campaña con tácticas neocon

Non é nada novo, os neo-conservadores americanos xa o empregaron contra Bill Clinton (e perderon, todo hai dicilo), e a susursal neocon en Galiza, chamada PP, está a utilizar a mesma táctica: ensuxar, enmerdar a todo dios, utilizar mentiras e difamacións, sacar do arquivo fotos do ano 2005, ataques persoais por SMS... todo vale contra o BNG. Queren evitar a toda costa que suba o BNG, porque dos dous partidos do bipartito só o BNG vai a subir. Iso está claro, porque senón non chegarían até estes extremos. Así que amigos e amigas, o día 1 de marzo non queda outra que ir a votar, se non queremos un goberno Popular, que quere converter Galiza nunha base neocon.

O PowerPoint entra en campaña

Veño de ler en Vieiros que o PP suplantou a identidade do PSOE e do BNG para propagar diversas presentacións feitas no PowerPoint de Microsoft con diversos asuntos que prexudicarían a estes dous partidos, concretamente o asunto Villa-PSOE e a foto de Anxo Quintana con Jacinto Rey. Eu non recibín ningún destes arquivos, pero, como non se tomen precaucións, estes arquivos deixan rastro das persoas que os crearon; é tan fácil como abrir o arquivo con OpenOffice e en Ficheiro-Propiedades, aparece o nome do autor/a e a organización á que pertence. Na noticia fálase de que o PSOE vai poñer denunciar este feito perante os tribunais.

Como dixen eu non recibín este ficheiro co asunto Villa-PSOE, pero si recibín este outro, dende o enderezo “despilfarrospp@gmail.com”. Como se pode deducir esta presentación fala do despilfarro na época Fraga e na que Feijoo tivo unha papel activo: Monte Pío (a casa onde vive Touriño), que custou 4.000 millóns de pesetas, dos Audis que comprou Fraga, das mesas, etc, etc. Miro as propiedades do documento e foi creado por “PSdeG-Psoe2 Lopez”.

Tanto me ten cal dos dous partidos fixo o documento, se foi o PP ou se foi o PSOE; pero, por favor, non utilicedes o PowerPoint que quedades en evidencia.

Guerra suxa nos medios contra o BNG

Os medios de comunicación estanse a lucir co BNG. Se xa tiñamos abondo con La Voz, agora súmase o diario da dereita monárquica ABC. E por se fora pouco, agora tócalle a axencia Europa Press, que ten unha noticia FALSA na súa web e aínda non rectificaron. O BNG informou que Quintana non tivo ningún tipo de accidente de tráfico, tal e como sinala a noticia de axencia.

---
Actualización: 13:45
Os medios nunca rectifican se dan unha noticia falsa. Eles se meten a pata simplemente borran a noticia e listo.

O BNG é portada no ABC

Seguramente é a primeira vez que o xornal da dereita monárquica española adica unha portada ao BNG, e faino cunha foto de hai 6 meses polo menos, en pleno verán, en compañía de Jacinto Rey, dono da construtora San José.

A crónica fala de posíbel beneficio no concurso eólico, pero unha ollada á listaxe da resolución vese claramente que hai beneficiadas centos de empresas que terán que investir os seus cartos en Galiza, e a de Jacinto Rey, non é das máis beneficiadas pola concesión.

O curioso do asunto é que saia a foto agora, en plena campaña electoral cando a foto xa está resesa. Seguramente a estarían gardando para unha oportunidade coma esta, onde está claro, que é o BNG o que está capitalizando a campaña electoral en Galiza. E tanto é así que, o temido solapamento da campaña vasca non está afectando o máis mínimo.

Está claro que tentan parar ao BNG, pero o BNG hoxe é unha locomotora en marcha en xa ninguén a pode parar.

24/02/09

Figuras decorativas

"O Presidente de todos e contra ninguén". Este é un dos lemas de campaña do PSOE. Na miña opinión, toda acción de goberno debe beneficiar ás maiorías sociais. Malia todo, sempre vai haber alguén que saia prexudicado. Daquela Touriño, é dicir, o PSOE, o que nos vén a dicir é que aspira a ser unha mera figura decorativa, como o Presidente dunha República, que non vai a mollarse por nada; da acción de goberno e de levar paus xa se encargan outros.

Paradoxos

Non hai moitos días PSOE e PP acollían con desprezo ou burla a proposta do BNG de rescatar para o control público a Autoestrada AP-9. Curiosamente a semana pasada as centrais estatais destes dous partidos aprobaban no Congreso unha proposta do BNG que ía no sentido subliñado anteriormente, deixando en evidencia a Touriño e Feijoo, respectivamente.

Pero o curioso de todo isto é que a AP-9, da que é propietario Citigroup, pasará a ser público, por moito que lle pese a Touriño e Feijoo, e seguramente moito antes do que nós pensamos, porque o Goberno do Estados Unidos está negociado con este grupo empresarial ianqui a nacionalización do 40% do seu capital. Así, paradoxos do mercado, a AP-9, pasará a ser público, pero dos americanos, non dos galegos e galegas que é como debería de ser.

A Voz do poder

Recomendo a lectura deste artigo de Manuel Mera que podedes ver en GZNación. Non só é interesante polo atinado, senón por que parte dunha das persoas que máis criticou ao BNG nos últimos tempos.

“... a actitude deste xornal é arriscada, porque, se o nacionalismo galego mantense ou sube en representación, resultará moi evidente que non ten o peso que di ter na sociedade galega, na formación ou distorsión da conciencia social e política do país. Daquela tampouco terán razóns de peso os que, desde dentro do nacionalismo popular, utilizan o argumento dos medios de comunicación e dos grandes grupos económicos pra realizar políticas máis mornas e adiar no tempo respostas urxentes..”

18/02/09

Tres non debaten se un non quere

Dicíao moi ben Alfredo Suaŕez Canal, no outro debate, a política non é unha liga, onde todos teñen que xogar contra todos e hai un gañador. No Parlamento cando se discute unha lei, non se organiza unha liga, hai un debate entre todos os deputados. E en campaña electoral é fundamental que as forzas políticas expoñan os seus proxectos para que os cidadáns poidamos contrastar cada unha das súas propostas, deixando á marxe a propaganda, os mitins e os eslógans.

É difícil de entender a teima do PP e de Feijoo de non debater, porque hai un ano houbo un debate a tres bandas e non se armou tanto escándalo. Dos tres tenores só houbo un que non puxo condicións, e ese foi Quintana, que acudiu a todos os debates que o convocaron. Touriño e Feijoo non pode dicir o mesmo.

17/02/09

Galiza vs España

Quen dixo que a Selección Galega de Fútbol non podía xogar xogar competicións oficiais. Velaiquí temos aos Galicreques coa súa camisola meténdolle un repaso "a la roja", e iso que temos algún que outro "traidor".

16/02/09

No seas aldeano, habla castellano

Excelente curta de como ven os mozos e mozas o idioma galego, e, sobre todo, de por que non o falan.

12/02/09

Roi Casal, que grande!!!

11/02/09

Quen dixo que non se dan créditos

O Banco Santander acaba de conceder ao Real Madrid un crédito de 70 millóns de euros (11.647.000.000 de pesetas) para que poida comprar a Cristiano Ronaldo.

A noticia deixa parvo a calquera, porque hai uns días os bancos dicían que non daban créditos porque a economía real tiña problemas, e resulta que lle dan ao Fútbol 70 millóns, cando todo o mundo sabe que o fútbol español está endebedado até as cellas, incluído o Real Madrid, que debe preto de 511 millóns de euros.

Xa sabemos para que queren os bancos o diñeiro que lles deu ZP, para darllos ao fútbol, á Liga BBVA. A calquera menos aos traballadores e á pequena e mediana empresa.

09/02/09

Chegan os Galicreques

Chegan os Galicreques. Quintana, Feijoo e Touriño na Galescola.

08/02/09

BoiCoz


A campaña que emprendeu La Voz de Galicia contra o BNG só é equiparábel a aquela que mantivera a mediados dos anos 90, que sen ningún tipo de rubor equiparaba á organización frontista cunha organización terrorista (recordemos que en 1997 o BNG acadou a mellor resultado electoral da súa historia, pasando de 13 a 18 escanos no Parlamento Galego). Hoxe, en 2009, este mesmo xornal iniciou unha campaña de acoso ao BNG utilizando como fonte un panfleto da CIG, cuxa información foi desmentida categoricamente por esta organización sindical. Pero La Voz de Galicia nunca se equivoca, e se hai que mentir sobre a selección de persoal nas Consellarías do BNG faise sen ningún tipo de rubor, malia a que esta información sexa desmentida pola propia administración, que, por outra parte, ingrésalle a este grupo mediático inxentes cantidades de cartos públicos (case un millón de euros en 2007).

Unha persoa que quere estar informada necesita ler un xornal ou mirar unha páxina web determinados? Non. A oferta informativa e mediática é moi variada e ampla, que se multiplicou por 10 (ou por 1.000) coa irrupción de internet nas nosas vidas. Ademais, case todos os medios reflicten as mesmas noticias, só hai pequenos matices que os diferencia. Así uns son máis ou menos serios e rigorosos segundo lle conveña aos intereses económicos que os sustentan. Eu desde logo non necesito La Voz de Galicia para estar ao día do que acontece no meu concello, en Galiza ou no Mundo. Non quero un xornal que se erixa en voceiro do noso Pobo utilizando maioritariamente a lingua do pequeno imperio español. Como dixen, hai outros xornais, hai outras páxinas webs para estar informado sen necesidade de empregar os do Grupo Voz. Así que... BoiCoz a La Voz.

As criaturiñas de Feij-009

Calquera se pode olvidar de meter na declaración da renda 240.000 euros que ten perdidos nun paraíso fiscal. Iso foi o que lle pasou ao cabeza de lista do PP por Ourense, candidato estrela de Núñez Feijoo, que o retirou da lista de candidatos do PP por Ourense, en canto se fixo público os problemas que tiña o cabeza de lista con Facenda.

E tranquilos, que a cousa aínda pode ir a máis. O segundo pola Coruña, Pedro Arias, saltouse as propostas electorais do PP e dixo o que pensaba, o que leva dentro: quere un ERE para os funcionarios da Xunta e despido libre e gratuíto na empresa privada. Vamos un neocon e toda regla, que non se deu conta, nin el nin Feijoo, que coa crise económica o mundo cambiou, e están co paso cambiado.

07/02/09

A AP9 é nosa, cowboy!

06/02/09

La Voz de Galicia manipula con malicia

Desde a resolución do concurso eólico foi público -en realidade, mesmo semanas antes-, La Voz de Galicia, emprendeu unha furibunda campaña de acoso contra o BNG que bate todos os records de amarillismo, terxiversación e manipulación como non se teñen visto aquí en Galiza, exceptuando, obviamente, ao xornal El Mundo, de Pedro J., outro xornalista, xunto con Santiago Rey, que presume de ser todo obxectividade.

O de hoxe non ten nome. Anuncia que a Xunta de Persoal de Vicepresidencia pide unha nova convocatoria dunhas probas de acceso para o Consorcio tendo como fonte un suposto boletín informativo da CIG, cando este sindicato desmente na súa páxina web que editara boletíns con esa información e, o que é máis grave, que investigara a suposta contratación de militantes do BNG dentro do Consorcio. Días atrás, tanto CIG como UXT, avalaran publicamente o proceso selectivo de persoal do Consorcio.

A El Mundo naceulle un duro competidor aquí na Galiza, treme Pedro J.

04/02/09

Canta razón ten o Carrabouxo